Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

O PSOE reclama á Xunta que execute as axudas europeas para a pesca

Por 18 Xuño, 2021Sin comentarios

A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta que garanta a máxima execución posible do Fondo Europeo Marítimo de Pesca –FEMP- diante do alarmante balance feito polo goberno. Patricia Otero presentou esta iniciativa na que lembra que de acordo coa Xunta, de 371,02 millóns asignados a Galicia só gastaron 117, deixando 254 millóns no aire.

A responsable socialista lamentou que “a Xunta, que tanto pide axudas e subvencións, logo demostra que non é quen de xestionalos e executalos”. Puxo como exemplo as axudas concretas para o marisqueo a pé, das que a Xunta confirmou hoxe que só empregou o 2,72 por cento dun total de 5,2 millóns orzamentados, sinalando ademais que o sector non pide axudas cando, puntualizou Otero, “algo está a facer mal o goberno galego se o sector descoñece as axudas”.

Otero reclamoulle ao goberno galego que aproveite o novo prazo de 3 anos para executar estes fondos antes da entrada do novo plan de axudas FEMPA, que van ser aprobados de forma inminente, diante do risco de perder as axudas. Alertou de que “o sector necesita dos fondos, necesita que lle chegue o diñeiro, e é unha mágoa que pola pouca celeridade e o pouco interese amosados pola Consellería de Pesca se perdan estes fondos”.

Esixiulle ao goberno galego “un papel moito máis proactivo” e “non funcionar como unha mera xestoría” para superar a baixa execución destes fondos cando Galicia precisamente é a Comunidade Autónoma máis beneficiada, recabando o 44,72 por cento do total das axudas entregadas a toda España. Reclamou que “ademais de anunciar a creación da subdirección xeral de Planificación, Seguimento e Verificación dos fondos, fagan que funcione e sirva para algo”.

Fondos Next Generation EU

Patricia Otero presentou esta iniciativa coincidindo coa luz verde de Bruxelas ao plan de recuperación presentado polo goberno de España, que suporá a chegada dos primeiros 9.000 millóns de euros de axudas a España este mesmo verán. Sinalou que as reformas propostas neste plan permitirán “abordar eficazmente retos de país e fortalecer a creación de emprego e apoiar as transicións verde e dixital”.