Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A ministra de Industria reunirase co comité de Alcoa

Por 18 Xuño, 2021Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo unha reflexión esta mañá sobre a situación de Alcoa en San Cibrao e o seu proceso de venda, defendendo a retirada da SEPI da intermediación.

O delegado anunciou que a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, reunirase coa representación do persoal. “A ministra aceptará porque sempre estivo á beira dos traballadores, sempre atendeu ao colectivo e, por tanto, podo asegurar que imos ter esa reunión que están a pedir”, dixo.

“A SEPI non queda á marca, senón que está máis implicada que nunca. O que non pode facer a SEPI é ser o refuxio dunha empresa que está a xogar co emprego de moitas familias e que quere aproveitarse, ademais, da boa vontade e do esforzo que estamos a ter as administracións”, agregou.

Respecto a a situación actual, pediu a Alcoa que garanta o futuro ou que venda para poder manter o emprego. “Imos estar á beira dos traballadores, imos defender a actividade industrial e a SEPI vai estar aí para axudar, para colaborar, para acompañar e para mediar. Pero está claro que hai empresas que están interesadas na compra e Alcoa, e o que ten que facer Alcoa é seguir cun proxecto industrial que sexa solvente ou vender e irse e non enredar máis”, concluiu.

SUBDELEGADA DO GOBERNO

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, insta a Alcoa a deixarse de excusas e de poñer pedras de poñer pedras no camiño, “a ver se dunha vez nos dá mostras de que é certo que actúa de boa fe e que está disposta a vender a fábrica de San Cibrao”.

Isabel Rodríguez fixo estas declaracións trala celebración da reunión telemática da Mesa de Alcoa, e manifestou que “na reunión quedou demostrado, outra vez, o mesmo que se ven repetindo desde hai máis de un ano, a multinacional está máis interesada en enredar e distraer a atención que en buscar unha saída para a factoría”.

A subdelegada recordou que “o Goberno foi quen se encargou da busca dos  compradores interesados aos que puxo en contacto con Alcoa para que negocien a venda, e mantén invariable o seu apoio para a que a operación de venda saía adiante”.

Rodríguez afirmou tamén que o Goberno de España “nunca se someterá á chantaxe dunha multinacional que só pretende aumentar o seu beneficio a costa dos cidadáns, eludindo as súas responsabilidades cos traballadores e coa comunidade, como quedou en evidencia en recentes sentenzas xudiciais que desenmascararon o seu comportamento”.

A subdelegada remarcou que “en contra da vontade de Alcoa, a empresa continúa aberta e ten futuro porque os traballadores tiveron sempre, e seguen a ter, o apoio do Goberno que se implicou desde o primeiro momento na busca de solucións a un conflito xerado na Mariña única e exclusivamente pola multinacional, a pesar de que ten recibido cuantiosas axudas de fondos públicos para desenvolver a súa actividade e conservar os postos de traballo en San Cibrao”.

“Como sempre dixo o Goberno, en contra das reiteradas afirmacións de Alcoa, a fábrica de San Cibrao é viable e por iso son varias as empresas solventes e acreditadas que teñen interese en comprala e investir nela”, engadiu Isabel Rodríguez.

“O que debera facer Alcoa, posto que non quere seguir na Mariña, é vendela a algún dos candidatos que si están dispostos a manter a actividade industrial e os postos de traballo ”, concluíu a subdelegada.