Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O BNG leva ao Parlamento as carencias do servizo de radioloxía no hospital da Mariña

Por 21 Xuño, 2021Sin comentarios

O BNG da Mariña leva ao Parlamento as carencias do servizo de radioloxía, “o servizo de radioloxía no Hospital comarcal da Mariña en Burela leva xa varios anos sufrindo unha serie de déficits que afectan á calidade da sanidade pública mariñá e por suposto aos e ás doentes desta comarca. Isto débese ao feito de que desde hai varios anos hai dúas prazas de radioloxía que seguen sen ser cubertas por diversos motivos”, din.

A isto hai  que sumar outros casos como que as colonoscopias que se realizan tras o positivo na proba de cribado para cancro de colon fosen as primeiras que pasasen a derivarse ao HULA, a pesar de que no centro de Burela estean dotadas dúas equipas de endoscopias.

Diminúen os servizos no Hospital da Mariña

Deste xeito, “podemos ver un exemplo máis da política sanitaria da Xunta de Galiza consistente en baleirar de servizos os hospitais comarcais, como é o caso do hospital mariñao para centralizar toda a atención nos grandes hospitais das capitais de provincia, neste caso o HULA en Lugo, afastando a sanidade da poboación e provocando uns maiores desprazamentos aos e ás doentes da nosa comarca”, engaden.

“Desgrazadamente este tipo de decisións estendéronse a outro tipo de enfermidades como é a do cancro de mama, xa que a día de hoxe un grande número de mulleres están sendo derivadas ao HULA nos casos no que as mamografías do cribado do cancro de mama resultan dubidosas para que unha vez alí, se lles realicen diversas probas que até hai ben pouco se levaban a cabo con total normalidade no hospital mariñao”, din os nacionalistas.

“Este tipo de decisións, ademais do xa comentado afastamento da sanidade aos doentes, traen consigo un maior sufrimento e incertidume a todas esas doentes que precisan saber coa maior das brevidades se teñen algún tipo de patoloxía canceríxena”, afirmou Daniel Castro, que rexistrou hoxe as iniciativas mediante as cales o  Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego vai propoñer  que o Parlamento galegoinste á Xunta de Galiza a manter o proceso completo do cribado do cancro de mama no Hospital da Mariña como se veu facendo até o momento e sen realizar ningún tipo de derivación a outro hospital e vai pedir explicacións tamén sobre as derivacións ao HULA dun proceso que anteriormente se viña realizando  con total normalidade no hospital mariñao. “O PP terá que explicar claramente ás mariñás e aos mariñaos  cales son as razóns, se é que as hai, destas derivacións ao HULA” concluíu Castro.