Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O Cantiño e Vista Alegre homenaxeron aos Heroes de Orzán

Por 24 Xuño, 2021Sin comentarios

A Fundación Imdecum rendeu homenaxe un ano máis aos Heroes do Orzán na praia de O Cantiño, en Burela, coincidindo co que debería ser a apertura do Memorial de fútbol sala base que todos os veráns reúne a preto dun milleiro de pequenos deportistas na Mariña.

Aínda que a cita non se puido recuperar en estado puro, este ano Vista Alegre tamén se sumou ao recordo do polícía burelense Rodrigo Maseda Lozano, xunto aos seus compañeiros José Antonio Villamor Vázquez e Javier López López, cun partido amistoso entre dous dos clubs habituais do torneo, o Pescados Rubén Burela FS e o EDM Concello de Guitiriz.

Como no 2020, o acto simbólico de inauguración do Memorial Heroes do Orzán tivo lugar fronte ao monólito que lembra a Rodrigo Maseda desde abril de 2012 no areal burelense. Xunto a Isabel Lozano, en representación das familias, e do presidente de Imdecum, Marcelino Luna, participaron o alcalde de Burela, Alfredo Chairo, e o presidente e a vicepresidenta do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco e Cesarina Fanego, ademais dos axentes Iván Castro, José Campelle e José Carlos Sánchez da Comisaría de Policía de Viveiro, destino de Rodrigo na Mariña.

Coa reincorporación paulatina da base ás competicións, o Memorial tamén quixo honrar sobre o parqué aos policías nacionais que perderon a vida na praia de O Orzán nun intento de rescate, como leva facendo desde 2012. A ilusión e a emoción dos pequenos deportistas quedou reflectida no enfrontamento amigable da categoría cadete entre dúas das escolas incondicionais da cita.

Traballando para 2022

Ao longo de cinco días, entre hoxe e o domingo, centos de nenos entre as categorías de prebenxamín exuvenil asolagarían os pavillóns e rúas de Burela, Foz, San Cibrao, Xove e Viveiro para disputar o torneo.

Dando pasos firmes na volta á normalidade, a organización xa está a traballar para retomar o Memorial e a competición a finais de xuño de 2022. O mellor fútbol sala basee volverá dar espectáculo ao longo da Mariña, nun evento que se converteu en toda unha referencia nas axendas de escolas e clubs de toda España.