Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A mesa multisectorial de Alcoa reunirase o día 30

Por 25 Xuño, 2021Sin comentarios

O Comité de Empresa de Alcoa vén de convocar unha reunión da mesa multilateral de Alcoa o próximo mércores 30, ás 12.00 horas para falar da situación na que se atopa o proceso de venda, do que se retirou a Sepi.

De todos os xeitos, o comité esixiu á ministra de Industria, Reyes Maroto, a reunión prometida e que esta se celebrase antes de que teña lugar esa mesa sectorial para que explique o cambio de actitude do Goberno co novo papel da Sepi, que pasa de ser comprador intermediario a ser un apio ao proceso.

Ademais, animan a traballadores, familiares e veciños a participar na marcha que terá lugar o domingo en Lugo dende a Xunta ata a Subdelegación de Goberno.

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o voceiro popular na Deputación, Javier Castiñeira, insta a Tomé a presentar ao pleno como proposta do Goberno da Deputación a iniciativa do comité de Alcoa para que a SEPI interveña provisionalmente a planta de Aluminio.

No PP esixen “ao goberno da Deputación que presente a iniciativa que lle propuxo o comité de empresa de Alcoa, do mesmo xeito que o fixeron os diferentes concellos na Mariña; que o faga como proposta de goberno ou proposta de presidencia, pero sen ser de ningún partido político en concreto”.

Castiñeira quere saber “que é o que ten que ocultar o PSOE de Lugo para non querer levar a moción como proposta de goberno na Deputación, cando noutros casos similares si se fixo”.

Os populares lembran que “en todos os concellos que se presentou, gobernados polo PP e tamén polo propio BNG, presentouse como proposta de goberno e ningún partido quixo capitalizar a iniciativa que vén do comité, como está pasando agora na Deputación”.