Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Maroto comprométese a reunirse coa dirección americana de Alcoa

Por 30 Xuño, 2021Sin comentarios

A esperada reunión da ministra de Industria, Reyes Maroto, co comité de empresa de Alcoa tivo lugar onte e nela anunciou que viaxará a Pittsburgh para reunirse co presidente da entidade co obxectivo de impulsar a venda da fábrica mariñá.

A ministra tamén se comprometeu cos traballadores a manter unha reunión co conselleiro de Industria, Francisco Conde, e o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado, para impulsar a venda; ao mesmo tempo que anunciou unha nova reunión a próxima semana entre Xunta, Goberno e sindicatos para establecer unha folla de ruta.

Mentres os traballadores insistiron na necesidade de que a SEPI interveña no proceso de venda, o Goberno lembrou que hai problemas legais para que eso sexa así.

DELEGADO DO GOBERNO

O delegado do Goberno, José Miñones, que tamén estivo presente na reunión, lembrou que o Executivo está ao lado dos traballadores de Alcoa e recoñeceu o esforzo tanto deles como das diferentes administracións para manter os postos de traballo e as capacidades produtivas da planta da Mariña.

“O que temos que forzar é que Alcoa venda e fágao a un bo comprador porque os hai, a diferenza de Alu Ibérica, porque hai empresas industriais con garantías e que coñecen o negocio. E poderiamos estudar como favorecer a compra”, explicou o delegado do Goberno.

Nesta liña, avanzou que a ministra de Industria emprazou a un novo encontro nos próximos días para definir unha estratexia común que permita garantir a venda de Alcoa.

O delegado do Goberno sinalou que, “Alcoa ten unha estratexia que consiste tentar demostrar ante a xustiza que eles son os bos e o resto somos os malos que xeramos o problema. Alcoa foi desleal con España e demóstrano os diferentes conflitos que teñen abertos, como o de Alu Ibérica”.

O delegado do Goberno lembrou que o acordo que asinou Alcoa cos traballadores o pasado mes de xaneiro para evitar a folga incluíu a intervención da SEPI, cando ninguén consultou coa propia SEPI ou co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

“O Goberno segue estando á beira dos traballadores. O papel da SEPI é de intermediador. Pero hai 6 posibles compradores e non todos necesitan o papel de intermediación da Sepi”, sinalou o delegado do Goberno.

DEPUTACIÓN

O BNG volveu demandar no Pleno provincial a intervención de Alcoa San Cibrao, cunha moción que recolle a proposta que o comité de empresa trasladou a todos os grupos provinciais e que levou tamén, nas últimas semanas, aos plenos muncipais dos concellos da Mariña.

A proposta, que tivo o respaldo unánime da corporación provincial, pide que “a Deputación de Lugo esixa ao Ministerio de Industria e á SEPI a intervención da fábrica de aluminio de San Cibrao nun acto único que levaría á compra e venda da factoría”, cumprindo “o mandato do Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galiza, que aprobaron no seu día a intervención pública temporal para a posterior venda a un terceiro”

O voceiro do BNG, Efrén Castro, explicou que “a proposta pretende redobrar a presión institucional e manter a atención sobre Alcoa San Cibrao”, para esixir unha resposta ante “a presión, medo e incertidume no que viven os traballadores e traballadoras da factoría despois de moitos meses agardando unha solución”.

A proposta chega ao Pleno provincial despois de que, o pasado 17 de xuño, a SEPI comunicara aos traballadores a súa renuncia a comprar a planta de Alcoa, como se comprometera desde o goberno do Estado, e un día antes dunha nova reunión da mesa multilateral, convocada para mañá mércores.

O deputado nacionalista argumentou que “a intervención está máis que xustificada, polo diñeiro público que se leva investido na factoría e porque é a única solución para salvar a produción de aluminio e os postos de traballo” e instou a socialistas e populares, “ao mando dos gobernos”, a que refrenden a súa votación a favor “intervindo a fábrica, para dar futuro as familias que viven da factoría e á comarca da Mariña”.

Neste contexto, aludiu tamén á reclamación dunha tarifa eléctrica galega que permita a Galiza facer valer a súa condición de país produtor de enerxía en favor do seu desenvolvemento industrial.

Efrén Castro despediu aos representantes dos traballadores que se achegaron ao Pazo de San Marcos para visibilizar a súa demanda e que seguiron o debate da moción no Salón de Actos.