Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Os socialistas critican o desmantelamento do hospital da Mariña

Por 9 Xuño, 2021Sin comentarios

A secretaria provincial e deputada autonómica, Patricia Otero reclamará no Parlamento de Galicia de Galicia que de xeito urxente se repoña o servizo de radioloxía no hospital da Mariña, cubrindo as dúas prazas de radiólogos que a día de hoxe están vacantes, con persoal estable e garantindo a atención no propio hospital. Así o anunciou hoxe a deputada socialista tras coñecer que existen pacientes que están sendo derivados ao HULA.

Otero lembra que o hospital da Mariña é o hospital de referencia da zona norte da provincia de Lugo “e atende a unha poboación de máis de 70.000 habitantes que se incrementa de xeito exponencial na época de vacacións”. Na iniciativa rexistrada remarca que, “neste centro hospitalario hai cinco prazas de radioloxía, pero a día de hoxe o Hospital só conta con tres radiólogos. No hospital da Mariña dende hai moito tempo existen dúas prazas de radiólogos sen cubrir, despois da xubilación dunha das profesionais e o traslado doutra facultativa”.

Inquedanza para os doentes

Advirte, tal e como xa denunciaron moitos doentes, “que unha das consecuencias desta falla de facultativos é que un gran número de mulleres da Mariña lucense están sendo derivadas ao Hula se o resultado das mamografías do cribado do cancro de mama necesitan unha atención ou valoración especial a xuízo dos profesionais que as consultan”. Explica que esta mesma situación provoca, non hai que pasalo por alto, “moita inquedanza aos doentes por ter que pasar por situacións complexas e de certa angustia lonxe do seu hospital e dos seus profesionais de referencia. Ademais, isto acontece tamén para a realización de probas complementarias para a súa diagnose, como por exemplo coas ecografías que ata agora se viñan facendo no hospital da Mariña, como así vén de denunciar tamén a Plataforma Sanitaria da Mariña”.

Desmantelamento e degradación da sanidade na Mariña

A Deputada Autonómica denuncia que “a non cobertura destas prazas é unha mostra máis da degradación constante e do desmantelamento da sanidade pública na comarca da Mariña por parte do Goberno de Feijóo, como xa o denunciamos hai pouco tempo tamén co servizo de cardioloxía”, insistiu.