Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Estase a traballar nun documento que permita abrir peiraos á pesca recreativa

Por 13 Xuño, 2021Sin comentarios

A Consellería do Mar lembra que está a traballar, a través de Portos de Galicia, na redacción dun documento regulador que permita abrir peiraos autonómicos á pesca recreativa desde terra por primeira vez desde o ano 1972. O ente público está co proceso de elaboración do texto que permitirá integrar esta actividade nos usos portuarios de determinados portos logo de ter presentado unha primeira proposta ao sector e ter recompilado as súas aportacións ao respecto. Esas consideracións están a ser valoradas e incluídas na medida do posible de acordo con criterios de seguridade persoal e operatividade portuaria. 

Portos de Galicia lembra a súa vontade de regular esta actividade, que non está autorizada por ningunha normativa estatal nin autonómica desde 1972 e que a Consellería do Mar quere integrar garantindo a convivencia harmónica co resto de actividades que se realizan nos espazos portuarios. Con este obxectivo, o ente público está a traballar nun documento coas asociacións de pescadores recreativos establecendo en todo momento como prioridades tanto a seguridade dos usuarios e das instalacións como o respecto ao resto de actividades portuarias. 

A proposta inicial de Portos de Galicia, que se atopa en proceso de análise a avaliación, recolle a categorización dos portos en tres niveis en función da posibilidade de integrar esta actividade polo que habería peiraos nos que se podería pescar libremente, outros que contaría con certas restricións e algúns nos que non estaría autorizada a pesca deportiva. 

A maiores, entre outros requisitos figurarían a obrigatoriedade de facer un seguro con cobertura aos danos persoais e a terceiros, a reserva do solo, a xestión dos residuos xerados e uso axeitado de aparcadoiros e outras instalacións portuarias. A intención de Portos de Galicia é ter elaborado o documento definitivo a finais deste mes de xuño.