Skip to main content
Mar AMARIÑAXAO Vicedo

Continuará ata 2024 o estudo sobre o cultivo da cadelucha no Vicedo

Por 15 Xuño, 2021Sin comentarios

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) realizará o vindeiro venres 18 de xuño unha xornada para analizar os resultados do estudo multidisciplinar desenvolvido en dous períodos (2013-2015 e 2016-2020) sobre a situación da cadelucha nos bancos marisqueiros de Galicia.

No encontro, que se celebrará no edificio da Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Celeiro e que poderá seguirse a través da rede por videoconferencia, participarán investigadores de distintas institucións como o propio CIMA, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou as tres universidades galegas.

A xornada, Comportamento ecosistémico e biolóxico da coquina (Donax trunculus) en Galicia, analizará as dúas accións de investigación desenvolvidas nos últimos anos polo CIMA neste eido -que contaron cun investimento de máis de 500.000 euros- e recollerá tamén a visión doutros expertos na materia sobre os distintos factores que inflúen na súa produción. Neste sentido, analizaranse aspectos como o estado das poboacións deste molusco, a súa reprodución e cultivo, as principais patoloxías que lle afectan, a súa xenética, as condicións ambientais e outros factores como a topografía e os sedimentos que inflúen no seu crecemento.

O encontro pretende trasladar ao sector e ao conxunto da cidadanía os resultados duns traballos que foron realizados para dar resposta ás demandas do sector marisqueiro galego e que permitiron afondar no coñecemento deste bivalvo. Os expertos analizarán os distintos aspectos que inciden na produción deste recurso así como a súa reprodución e cultivo en condicións controladas -fito acadado polo Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo do CIMA- para aumentar a súa presenza nos bancos marisqueiros de Galicia. Trátase dun asunto de especial importancia dado que esta é unha especie de interese comercial na comunidade pois adoita acadar importantes cotizacións en lonxa que roldan os 40 euros o quilo.

O CIMA está a analizar desde o ano 2013 a través de distintas accións de investigación a situación da produción da cadelucha en diferentes zonas de Galicia abordando aspectos como a influencia das condicións hidrolóxicas e meteorolóxicas na súa evolución ou a incidencia das distintas patoloxías. Tamén avaliou, entre outros aspectos, as posibilidades de produción en criadeiro e de repoboación da cadelucha co obxectivo de incrementar a súa presenza nos bancos marisqueiros da comunidade.

Esta liña de investigación continuará desde este ano ata 2024 posto que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar vén de aprobar a realización de experiencias nas instalacións do minicriadeiro que o CIMA ten no Vicedo para a reprodución e cultivo larvario de moluscos bivalvos presentes nos bancos naturais da zona como son a cadelucha e as ameixas babosa e fina, especies autóctonas e de proximidade a esta instalación. Esta nova acción de investigación conta cun orzamento de máis de 174.000 euros.

As intervencións dos distintos expertos na xornada contribuirán a intercambiar coñecementos sobre o estudo desta especie e o aproveitamento das sinerxías existentes para mellorar a investigación neste eido así como a trasladar ao sector os resultados das investigacións realizadas. Tamén se trata dunha proposta de achegamento da ciencia á cidadanía polo que todas as persoas interesadas en seguir o evento, sexan profesionais do sector ou non, poderán facelo a través da sesión aberta na rede previa inscrición no seguinte enlace.