Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Nova convocatoria de bolsas para a investigación mariña

Por 27 Xuño, 2021Sin comentarios

Vanse convocar oito bolsas de formación dirixidas a titulados de ciclos formativos de grao superior en materia de Acuicultura e Análise e Control que se desenvolverán no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar. 

Para o financiamento destas accións formativas, o Executivo galego destina algo máis de 186.000 euros que se repartirán entre as anualidades 2021, 2022 e 2023 coa finalidade de fomentar a investigación e a especialización nestas materias.  

Estas bolsas de especialización son para a realización de prácticas como persoal auxiliar de investigación mariña ofrecendo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitando unha preparación práctica cualificada moi útil para a súa posterior incorporación ao mercado laboral.  

Trátase dunha medida que contribuirá a que os beneficiarios poidan atopar unha ocupación pero tamén a avanzar na investigación mariña, ao contar con profesionais mellor formados, o que irá en beneficio do conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro así como da economía de Galicia. 

A formación realizarase durante dous anos no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), tanto nas súas instalacións de Corón (Vilanova de Arousa) como no Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo. Neste caso, cinco das bolsas serán para prácticas a desenvolver no centro de Corón e as tres restantes para o de Ribadeo. 

A estas accións formativas poderán optar os alumnos titulados como técnicos superiores en Acuicultura ou técnicos superiores en Análise e Control. O importe de cada bolsa inclúe unha asignación mensual bruta de 900 euros e a alta no réxime xeral da Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que está prevista nos vindeiros días.