Skip to main content
Burela

Valoración positiva na reunión entre alcalde e Acia Burela

Por 30 Xuño, 2021Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, e o presidente de Acia Burela, Ignacio Andía, fixeron unha valoración positiva do encontro que ambas partes mantiveron nas últimas horas. E aseguraron que Concello e Asociación colaborarán na realización de actividades para promocionar e reactivar a vila,  o seu comercio e a súa hostalería.

O rexedor declarou que “foi un encontro agradable. Demos un repaso a como está a situación en Burela e no conxunto de toda A Mariña. A nosa intención é única e clara, imos traballar conxuntamente naquelas cuestións que nos parecen moi importantes para Burela, en todos os aspectos tanto no económico como no social e no cultural. A disposición do Concello de Burela é completa, imos colaborar en todo aquilo que poidamos, dentro das nosas posibilidades, e eles tamén van estar motivados para facer unha boa labor e penso que iso no seu conxunto vai dar como resultado finalmente a promoción de Burela, do seu comercio e todo aquilo que sexa positivo tanto no económico como no social para o noso pobo”.

Alfredo Llano subliñou que “a primeira impresión foi moi agradable e interesante, e desde logo hai o compromiso firme polas dúas partes de tratar para mellorar todas as circunstancias que poidamos con respecto á actividade económica e laboral. Imos iniciar unha nova etapa, espero que sexa frutífera tanto para a Acia como para o comercio e o Concello de Burela no seu conxunto e que todos saian beneficiados”.

O alcalde comentou que “quedamos en marcar obxectivos concretos e firmes, e ir a por eles. Imos ver tamén os métodos de colaboración. Comprometémonos xa a colaborar economicamente, pero tamén o imos facer institucionalmente. Imos ter reunións periódicas, que xa as marcaremos cunha cadencia determinada para ir analizando temas e miraremos tamén as campañas. Imos estar enfocados en que exista unha boa colaboración e que se note”.

O presidente de Acia Burela, Ignacio Andía, dixo que “foi unha xuntanza inicial, que se debe ter co Concello para presentarnos como nova directiva, para escoitar e que nos escoitasen as propostas. E a verdade é que foi todo moi correcto, moi cordial e unha comunicación fácil”.

Andía indicou que “a nosa preocupación primeira era coñecernos e establecer unha canle de comunicación, e iso está feito. Despois facerlles partícipes da situación que nos toca como asociación de comercio, con ano e medio sen actividade practicamente de ningún tipo. Temos que volver a poñernos en marcha e non queremos deixar de facer o que xa se viña facendo. Fixemos unha demanda normal de maiores achegas por parte do Concello para facer máis cousas. Houbo boa sintonía no sentido de que están dispostos a facer o esforzo”.

O presidente da Asociación de Comerciantes de Burela engadiu: “fundamentalmente queremos colaborar con eles e coas asociacións da vila que fagan actividades que sirvan para promocionar a Burela sempre. A valoración do encontro de onte é positiva e temos que xerar confianza entre todos”.