Skip to main content
Burela

O Concello de Burela anulará o cobro da taxa das terrazas

Por 2 Xuño, 2021Xuño 3rd, 2021Sin comentarios

No pleno ordinario, que se celebrará este xoves no Concello de Burela, someterase a aprobación un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 90.000 euros para facer fronte ao pago de facturas pendentes e tamén a derrogación da ordenanza nº 18, que é a relativa ás terrazas da hostalería, que implicará que o sector non teña que facer fronte a esa taxa durante varios meses. O equipo de goberno preparará unha nova ordenanza, que agarda comezar a aplicar en xaneiro de 2022. 

O alcalde, Alfredo Llano, indicou que “o xoves imos ter un pleno ordinario no que se van tratar dous asuntos interesantes. Un deles é a aprobación polo método extraxudicial de varias facturas que ou chegaron tarde ou había algún outro motivo polo cal non se pagaron no seu momento e así abonaranse agora. Son aproximadamente 90.000 euros para pagar estas facturas a través desta fórmula extraxudicial. Están perfectamente xustificadas polo que espero que non haxa ningún problema”.

O rexedor subliñou que “tamén hai outra cuestión interesante, que é a aprobación da modificación da ordenanza fiscal reguladora nº 18, que impón unha taxa pola ocupación de terreos de uso público local con mesas e cadeiras; isto refírese ás terrazas da hostalería. Entón esta ordenanza, que está redactada dunha maneira que non convence nin sequera no Concello, imos derrogala. Polo tanto non vamos aplicala e entón non se cobrará esa taxa. Este xoves, día 3, imos intentar aprobar inicialmente esta derrogación da ordenanza número 18 e despois hai 30 días hábiles para a presentación de alegacións. Por tanto calculo que a finais de xullo xa pode estar aprobada definitivamente e esa derrogación xa afectaría aos meses de agosto, setembro, outubro, novembro e decembro, nos que non terían que pagar esta taxa os hostaleiros”.

Llano anunciou que “ademais imos volver redactar esta ordenanza nos termos que sexan máis beneficiosos tanto para o Concello como para os usuarios, que se aplique a normativa que agora é de obrigado cumprimento e a nova imos tratar de aplicala a partir do 1 de xaneiro do ano 2022. Como consecuencia desta derrogación os hostaleiros saen beneficiados porque durante varios meses non van ter que pagar pola ordenanza das terrazas, o cal nestes momentos é un beneficio para este colectivo tan afectado pola pandemia”.