Skip to main content
Axenda Caducada

Nova edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte de Burela

Por 4 Xuño, 2021Agosto 8th, 2021Sin comentarios

A Delegación de Cultura, Educación e Xuventude do Concello de Burela presenta o V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte que terá lugar no Porto de Burela do 5 ao 8 de agosto de 2021.

As bases para anotarse no concurso van estar dispoñibles na páxina de facebook do certame, que é Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, así como na web municipal.

Pódense enviar as propostas ata o 15 de xullo a amarteburela@gmail.com e logo o xurado elixirá as nove obras que serán pintadas no muro do peirao. Os premios mantéñense igual con 1.500 euros para o primeiro clasificado, 300 para o segundo e 150 para o terceiro.

O concelleiro de Cultura , José Díaz, lembrou que “quedan soamente tres edicións máis no muro e a idea é este ano facer unha boa edición. Na última, que sería dentro de dous anos, a nosa intención é convidar a todos os gañadores das anteriores máis dúas máis e facer unha edición espectacular en 2023”.

O concelleiro de Cultura declarou que “enmarcaríase na Feira do Bonito, pero o máis probable é que non se poida celebrar, entón a nosa intención é rodear Amarte de máis eventos seguros, que si se poidan realizar. Con vistas a iso, eu manterei unha reunión o 8 de xuño coa Consellería de Cultura en Santiago, para expoñerlle as nosas intencións e que eles nos presenten as súas. Trataremos de ver como se podería facer de maneira segura algún concerto, eventos para nenos e atraccións, para rodear Amarte de máis actividades culturais e de lecer. Tratamos de axudar ao noso concello a levantar cabeza porque xa nos coincidiron as patronais sendo os primeiros da tempada e puidemos facer moi pouco, entón parécenos xusto que durante Amarte podamos facer algo de máis peso”.

“Hai que ter en conta que somos o único concello pequeno da provincia de Lugo de interese nacional pola Feira do Bonito. Perdemos a axuda que por primeira vez chegounos o ano pasado de 25.000 euros para facer importante esa festa, por culpa da pandemia e este ano a cousa vai polo mesmo camiño”, endiu.

Díaz engadiu que “nós propoñeremos que se manteña certa axuda económica a esas once festas de interese turístico nacional. Leva moito traballo conseguilo para logo quedar sen nada, sexa pola causa que sexa. Este ano, a pesar de que haxa certas restricións e control, pensamos que se pode axudar economicamente a facer un evento de certo peso e que teña repercusión en Galicia. Levamos cinco edicións e Amarte é cada vez máis coñecido, non só a nivel de Galicia senón de España, o último gañador foi o campión nacional da liga de Grafitis. Tería ese triplo obxectivo, tanto de ser xustos co que sería a Feira de Bonito e esa axuda de 25.000 euros por parte da Xunta. Por outra banda axudar aos hostaleiros e ao comercio dándolle un pouco de publicidade a Burela xusta e merecida, e facer algo seguro que vaia dando confianza á xente. Veremos a ver que sae dese encontro e que outras actividades podemos facer”.

O concelleiro burelés anima “a todos os artistas tanto da Mariña, para quen se reserva dous murais, como a todos os que fagan pintura, a que participen este ano connosco”.

Diego Anido (Lugo) e Guillermo Paz (Málaga) coa obra Mar revolto foron os gañadores do 4º Certame Internacional de Pintura Mural Amarte. Hipólito Xeada, de Alfoz, conseguiu o segundo premio por A mirada do mar e o terceiro premio foi para Martín Cal, de Ortigueira, coa obra O gardián do mar. O premio para o mellor artista local foi para Héctor Manasé, de Burela, con Arraiga