Skip to main content
Burela

O PP de Burela en contra da ordenanza municipal para o valado e peche de fincas

Por 6 Xuño, 2021Sin comentarios

O PP de Burela presentou unha alegación contra a ordenanza municipal para o valado e peche de fincas, unha normativa que consideran “ben intencionada, pero pouco madurada e que o único que fai é gravar máis a economía da veciñanza de Burela ao tratar de tapar con ela as vergoñas do goberno do Sr. Llano no referente á ausencia da xestión da biomasa nos numerosos solares que están, como se di de forma coloquial, a bravo, no casco urbano da nosa vila”.

Dende o PP din que “presentaron esta alegación no Concello debido ás graves irregularidades detectadas no procedemento á hora de levar a cabo a tramitación da ordenanza destinada ao valado e peche de fincas”. E seguen, “a máis importante, a ausencia de consulta popular previa, tal e como ditamina a lexislación vixente, para recoller o sentir da veciñanza ao respecto”.

“Esta é a forma de gobernar que ten o Sr. Llano, sempre tomando decisións de costas aos veciños e veciñas da nosa vila, tal e como xa ten sucedido, por exemplo, no tocante ás bases que regulaban as fracasadas axudas ao tecido comercial local ou o traslado do mercado semanal ata o lugar de Torrentes”, puntualizan.

Os populares engaden que, “deste xeito o Sr. Llano e o seu equipo volven a vulnerar os dereitos, unha vez máis, da veciñanza”. “A nós non nos pilla por sorpresa, xa denunciamos en numerosas ocasións a súa total e absoluta falta de transparencia ao longo deste mandato”.

“Descoñecemos a quen culpará nesta ocasión o Sr. Llano por esta nova grave irregularidade detectada, e denunciada polo PP, no tocante á ordenanza para o valado e peche de fincas. O que si temos claro é que o procedemento polo que se levou a cabo a mesma, tal e como reflicte a lexislación vixente, é nulo de pleno dereito. Supoñemos que cando, neste último pleno, o Sr. Llano nos convidou a pasar polo Concello para ver como traballaban el, e o seu equipo, non estaría pensando en amosarnos estas neglixencias continuas que teñen á hora de proceder”, conclúen.