Skip to main content
Cervo

Cervo estuda a eliminación de impactos paisaxísticos

Por 12 Xuño, 2021Sin comentarios

Ángeles Vázquez animou ao rexedor a facer un traballo de análise de posibles intervencións en inmobles en desuso e con maior impacto visual para mellorar a paisaxe e a contorna do Concello.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, propuxo ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estudar posibles accións para executar nos espazos públicos que reduzan os actuais impactos paisaxísticos no concello e melloren a percepción da contorna.

Ambos mantiveron unha reunión na que o rexedor lle trasladou os proxectos e iniciativas que quere impulsar a Administración local para mellorar os espazos urbanos e dinamizar social e culturalmente determinados ámbitos.

Neste sentido, a conselleira brindoulle a colaboración dos distintos departamentos que interveñen no territorio, como a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e do Instituto de Estudo do Territorio, para analizar as posibles actuacións e definir proxectos que conten co visto e prace e cumpran coas guías de boas prácticas en intervención en espazos públicos, citou a modo de exemplo.

Así, Ángeles Vázquez animouno a afondar e estudar que inmobles se atopan en desuso, na actualidade, e provocan un maior impacto visual ou son exemplo de feísmo no concello, co obxectivo de definir novos espazos urbanos ao servizo dos veciños.

En relación cos servizos, a conselleira recordou que, esta mesma semana, a Xunta formalizou a compravenda dos terreos nos que se levantará a futura planta de biorresiduos de Cervo, por un importe de algo máis de 238.000 euros.

A planta dará servizo a 15 municipios, pertencentes na súa meirande parte á comarca da Mariña lucense, cubrindo unha poboación de 70.000 habitantes, e integrarase na rede de infraestruturas despregada pola Xunta para propiciar que os concellos galegos poidan acceder á valorización da materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón, que deberán implantar antes do 31 de decembro de 2023.