Skip to main content
Cervo

En marcha unha nova edición do programa Cervo Concilia

Por 5 Xuño, 2021Xuño 6th, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo pon en marcha unha nova edición do programa Cervo Concilia co obxectivo de favorecer a conciliación das familias nos meses de verán.

Así o anunciou hoxe a edil de Educación, Dolores García, Caramés, que fixo especial fincapé en que as actividades estarán adaptadas á situación sanitaria actual, fixando grupos reducidos, e cumprindo estritamente todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

Caramés explicou que “somos conscientes das dificultades que se atopan moitas veces as familias para poder compatibilizar as súas obrigas laborais co coidado dos pequenos/as, sobre todo durante o período estival, coincidindo coas vacacións escolares, “por iso apostamos por recuperar o noso programa Cervo Concilia, que tradicionalmente ten unha gran acollida, e traballamos para buscar fórmulas que nos permitan ofrecer un calendario de actividades educativas e lúdicas seguras pensadas para as crianzas nestas datas de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe e incidindo especialmente no concepto da conciliación das familias”.

A edil precisou que nestes días estase a perfilar o calendario de actividades que se incluirán no programa pero xa avanzou “que se apostará polas xornadas ao aire libre, en contacto coa natureza, sempre que o tempo o permita, programando rutas polo municipio e actividades de carácter medioambiental, ademais de promover a actividades deportivas cunha importante aposta, nesta ocasión, polas disciplinas individuais a raíz do COVID-19, como pode ser o surf ou as rutas en kaiak”. Tamén se contemplan clase de inglés, ioga e mesmo un circuíto de seguridade viaria para que as crianzas vaian  tomando conciencia da importancia de respectar as normas de tráfico adquirindo os hábitos adecuados, para que así participen do tránsito dun xeito activo e máis responsable.

O programa, de balde, e que está dirixido aos pequenos e ás pequenas de entre 3 e 12 anos, desenvolverase nos meses de xullo e agosto, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:30 horas.

As inscricións están dispoñibles na Casa da Cultura e no Concello de Cervo, e o prazo para anotarse está aberto ata o 25 de xuño.