Skip to main content
Lourenzá

Lourenzá creará un local multiusos na nave do recinto feiral

Por 7 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Lourenzá investirá 592.000 euros para crear un local multiusos na nave do recinto feiral e mellorar camiños municipais e o entorno do campo de fútbol. Para a realización destes proxectos no pleno da corporación local aprobouse, cos votos a favor do equipo de goberno, un expediente de modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería.

A alcaldesa, Rocío López, explica que “a rexeneración de camiños municipais levarase a cabo cun investimento de 280.000 euros, co cal se farán actuacións en todas as parroquias do concello, en función das necesidades reais existentes para seguir mellorando a calidade das infraestruturas locais”. 

“Unha das prioridades deste goberno é a mellora das infraestruturas viarias do municipio. Foron moitas as vías que se melloraron, pero aínda quedan outras moitas que o necesitan. De aí que un dos proxectos que se inclúen dentro dese expediente de modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería sexa un proxecto de rexeneración de camiños municipais”, engadiu López. 

A rexedora engade que “a actuación proxectada consiste na pavimentación de 37 viais do municipio que presentan un mal estado de conservación debido á súa antigüidade, ó seu uso e as inclemencias meteorolóxicas polo que urxe proceder á súa rehabilitación. Estas actuacións realizaranse nun total de 11.255 metros, repartidos polas distintas parroquias do concello. O pavimento actual na maioría delas presenta rego asfáltico deteriorado e as actuacións previstas consisten na limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e na aplicación dun dobre tratamento superficial con rego asfáltico. Outros dos camiños atópanse actualmente en zahorra e proxectase un novo firme compactado de grava con aplicación posterior dun tripe tratamento de rego asfáltico. Con esta actuación seguimos mellorando o noso viario municipal e con iso a calidade de vida das parroquias e dos nosos veciños. É fundamental dotar e mellorar os servizos no noso rural se queremos atraer e fixar poboación nel”.

Local multiusos

A reforma nas instalacións da nave do recinto feiral terá un custe de 262.000 euros e a alcaldesa destaca que “ó longo dos anos vimos dándonos conta de que Lourenzá necesita un local multiusos onde poder realizar moitas das actividades que teñen lugar no municipio. Actualmente contamos cun salón de actos non moi grande e dotado de butacas, o que dificulta poder realizar nel moitos dos eventos que teñen lugar no concello. A creación dun local multiusos onde poder desenvolver moitos dos eventos que se veñen realizando (Gala do Teatro, conferencias, comida da terceira idade, Mercado de Nadal, eventos das Escolas Deportivas,…) é para este goberno unha prioridade, e máis agora onde as circunstancias do Covid requiren de espazos máis grandes. Recentemente vimos de conseguir dentro do programa de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais, cofinanciados polo FEADER e a Consellería de Medio Rural, unha axuda por 47.700 euros para a substitución da cuberta actual de fibrocemento dunha das naves por outra cuberta nova de panel de sándwich.  Esta obra iniciarase nos vindeiros días. Decidimos por tanto completar esa actuación e seguir mellorando esa nave do recinto feiral de cara a creación dun local multiusos e por iso o incluímos dentro dos proxectos que se van acometer con cargo ao remanente de tesourería”.

Rocío López especifica que “a nave existente ten unha superficie de 1.928 metros cadrados, dos cales se realizará unha intervención nun terzo da mesma, quedando así a nave dividida en dúas partes. A zona sobre a que se realiza a actuación ten unha superficie de 635 metros cadrados construídos. As obras constan das seguintes actuacións: división interior da nave actual en dúas naves para adecuar o espazo a climatizar; mellora da envolvente térmica das fachadas e substitución das carpinterías existentes (ventas e portas); acondicionamento do pavimento do chan con un pavimento laminado con acabado similar á tarima flotante; instalación eléctrica e de iluminación novas; e instalación dun sistema de climatización da nave e dun sistema de son no local multiusos resultante”.

E nas obras adicionais para o acondicionamento do entorno do campo de fútbol o investimento será de 50.000 euros. Sobre esta actuación a rexedora municipal explica que “recentemente veñen de executarse as obras de construción dun campo de herba artificial en Santa Cruz. Co obxecto de completar esa actuación e mellorar as instalacións e accesos ao campo consideramos necesario acometer unha serie de traballos no entorno. As obras que se van a levar a cabo consisten no rasanteo e compactación da explanada, refino de zonas a axardinar con terra vexetal, pavimentación de aparcamentos,…”.