Skip to main content
Ribadeo

O Plan Especial das Catedrais creará un aparcadoiro na zona

Por 16 Xuño, 2021Xuño 17th, 2021Sin comentarios

No pleno extraordinario de Ribadeo que se celebrará este xoves, 17 de xuño, someterase a aprobación o inicio do procedemento de expropiación para adquirir os terreos destinados á creación dun aparcadoiro público nas inmediacións da praia das Catedrais. Trátase do primeiro paso para comezar a desenvolver o Plan Especial de Protección dese areal. O goberno local agarda a implicación do Estado e da Xunta. No pleno tamén se aprobarán de xeito definitivo as ordenanzas do uso das praias e de limpeza viaria e xestión de residuos. 

Dende o goberno local contan que “son varios os puntos que van ir a este pleno extraordinario a celebrar o vindeiro xoves. Un deles é a aprobación definitiva da ordenanza de uso das praias”.

“Hai que ter en conta que non tíñamos, ata o momento, regulación e agora, logo dun proceso participativo, chegamos á fase final da aprobación definitiva. Nesta ordenanza vanse contemplar unha serie de cousas como os deportes que se poden facer na praia e os dereitos e os deberes dos usuarios dos areais. Tamén a presenza dos cans nestes espazos públicos, por exemplo definindo as épocas do ano onde se permitirá a presenza de cans, así como tamén que se poderán levar con correa polos paseos habilitados, entre outras moitas cousas”, engaden.

Dende o Concello sinalan que “outra das ordenanzas que imos aprobar de maneira definitiva é a de limpeza viaria e de xestión de residuos, dado que esta nova ordenanza ven substituír unha vella que databa do ano 2006, e agora si adaptarémonos a todos os cambios normativos que se viñeron producindo en todo este tempo e tamén a cuestións que nos teñen trasladado tanto a cidadanía en xeral como as suxestións da propia Policía Local no tocante á limpeza, ao ornato e mesmo á salubridade dos espazos públicos e á xestión tamén dos residuos de competencia municipal”.

Subliñan que “outro dos puntos importantes que pretendemos iniciar, neste pleno extraordinario, vai ser o acordo de inicio do procedemento de expropiación para adquirir os terreos para un aparcadoiro público nas inmediacións das Catedrais. Debemos dicir que este é o primeiro paso firme que damos para empezar a desenvolver este Plan Especial de Protección da contorna das Catedrais, que aprobamos definitivamente hai moi poucos meses e no que se propoñen unha serie de actuacións para protexer, conservar, coidar e promocionar esta marabilla da natureza. Evidentemente, queremos que siga sendo un lugar coñecido e visitado ao longo do ano, e non só polo verán, pero tamén temos que conseguir que non se converta nunha feira ou nunha romaría. Para iso debemos habilitar un espazo público previsto neste plan e aí o contemplamos, neste proxecto que vai ao pleno, un espazo de practicamente 30.000 metros cadrados que vai estar no acceso, desde a estrada principal xusto antes de pasar a vía do tren. Alí queremos facer un aparcadoiro público onde se faga coincidir o transporte público e o transporte privado, aínda que queremos promocionar o primeiro, e de aí, unha vez que se aparque, os visitantes deberán ir andando cara ao areal”.

Engaden que “o Plan Especial das Catedrais contempla máis accións como pode ser a construción de carreiros pola parte de arriba, sempre separados do cantil para garantir a seguridade, pero para poder ao mesmo tempo ver as estampas que a natureza nos foi creando co paso do tempo. E tamén este plan recolle a creación dun apeadoiro de Feve, entre outras moitas cousas”. 

Por último dende o Concello din que “o paso que dá o Concello agora é iniciar os trámites para adquirir os terreos para convertelos nun aparcadoiro público e confiamos que o resto de administracións, empezando pola Xunta de Galicia e tamén polo Estado, nos boten unha man economicamente dado que tanto uns como os outros levan tempo dicindo que o van facer. Verémolo logo se o fan e en que medida”.