Skip to main content
Ribadeo

O Teatro de Ribadeo e o Círculo Habanero da Devesa acollerán dous concertos audiovisuais

Por 19 Xuño, 2021Sin comentarios

O Teatro de Ribadeo e o Círculo Habanero da Devesa acollerán esta fin de semana dous concertos audiovisuais. Enmárcanse no proxecto Versión Fin, grazas ao que se recuperaron antigas cintas de celuloide que agora toman vida xunto á música. Cada espectáculo, baseado na improvisación, será único e formula unha conversa entre os visuais e a música, interpretada por Rafa Fernández á guitarra, Álex Salgueiro aos teclados e sintetizadores e Álvaro Trillo á batería. 

Así, Versión Fin, o concerto audiovisual de Iván Torres, chegará a catro lugares emblemáticos do concello este verán. Primeiro, ao Cine Teatro, a orixe de todo o traballo de investigación e creación, e despois ao Círculo Habanero da Devesa. Máis adiante ao peirao de Rinlo e a novidade represéntaa o Pazo de Cedofeita, un lugar privado que os donos poñen a disposición desta iniciativa cultural.

As dúas proxeccións desta fin de semana terán lugar ás 21 horas, o sábado no Teatro e o domingo no Círculo Habanero da Devesa. 

O autor do proxecto Versión Fin, Iván Torres, explicou que “o concerto basease na manipulación do material do Cine de Ribadeo, do celuloide que quedou abandonado nese cine, o seu procesado químico máis o seu degradado químico e un novo revelado do material. Todo iso vaise montar en directo con música improvisada cos músicos Rafa Fernández, Álex Salgueiro e Álvaro Trillo que van improvisar a música reaccionado ás imaxes ao mesmo tempo que eu vou facer as imaxes e vou reaccionar á música que van tocar eles, entón vai ser como un diálogo. É ter que adiantarse un pouco ao que vai saír na pantalla pola miña parte e pola parte deles tamén adiantarse ao seguinte que eu vou proxectar. Cada concerto vai ser totalmente diferente, a dificultade está máis na improvisación”.

Iván Torres indicou que “este proxecto chámase Versión Fin porque son uns textos que se atopan facilmente nas colas do celuloide e que normalmente están escritos polos proxeccionistas. O celuloide sempre, cando ía pasando de proxeccionista en proxeccionista, tiña unhas marcas que eles ían deixando e que eran como mensaxes para o seguinte proxeccionista para ver se unha cola terminaba nun sitio, empezaba noutro, se tiña un erro ou marcas que non debían estar aí. Un título recorrente que se pode atopar no celuloide é Versión Fin, dúas palabras moi recorrentes nas colas de celuloide”.