Skip to main content
Ribadeo

Ribadeo prohibirá os cans nas praias durante o verán

Por 22 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello colocará nos accesos ás praias carteis coa prohibición de aproximarse aos cantís e tamén estará prohibida a presenza dos cans nas praias do 15 de maio ao 15 de setembro e durante a Semana Santa.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, anunciou que o vindeiro 10 de xullo entrará en vigor a nova ordenanza sobre o uso das praias. Ademais deron comezo as probas de selección dos 17 socorristas, 1 coordinador e 3 técnicos sanitarios, que prestarán servizo nas praias durante o verán xa que a tempada de baño empezará o 1 de xullo e irá ata o 31 de agosto.

O concelleiro de Medio Ambiente dixo que “no último pleno se aprobou definitivamente a ordenanza de uso das praias do Concello de Ribadeo, que a partir do 10 de xullo entrará en vigor. Quero salientar o que ten que ver cos cantís xa que, dada a especial orografía da costa ribadense co conseguinte perigo de producirse algún desprendemento, hai unha prohibición de carácter xeral de aproximarse aos cantís durante a permanencia nas praias. Con todo isto, o Concello sinalizará este perigo de desprendementos na entrada de cada areal”.

Díaz manifestou que “na nova ordenanza tamén vai o relativo aos cans. Entre o 15 de maio ata o 15 de setembro e tamén na Semana Santa estará prohibida a permanencia dos cans nas praias. Hai, como en toda norma, unha exclusión nesa prohibición e é que se poderá circular cos cans por sendeiros e camiños que estean habilitados na contorna das praias, sempre e cando vaian suxeitos coa correa e cumprindo as restantes normas que resulten na súa aplicación. Quero ser bastante claro en isto para que non haxa ningún malentendido”.