Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

O Plan Básico Municipal de Riotorto está en información pública

Por 26 Xuño, 2021Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda somete a información pública e por un prazo de dous meses o Plan básico municipal (PBM) do concello lucense de Riotorto, un instrumento de ordenación recollido na Lei do solo e que, neste caso, foi aprobado de forma inicial o pasado 7 de xuño.

Segundo se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, durante o devandito período poderá examinarse o documento no Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo ou no propio Concello. Así mesmo, tamén poderá consultarse na web da Consellería e remitir as posibles achegas e alegacións a través de calquera dos rexistros legalmente habilitados ou por vía telemática ao enderezo sxurb@xunta.gal.

O Plan básico municipal de Riotorto, que será o primeiro instrumento urbanístico co que conte este concello, clasifica o municipio nun único ámbito de solo urbano, sumando todos os terreos que integran a malla urbana existente e de xeito que os sete antigos asentamentos rurais quedan a partir de agora unidos ao lugar das Rodrigas.

Así mesmo, o PBM sometido a información pública delimita un total de 67 núcleos rurais no municipio: 60 deles de tipo tradicional, 6 que combinan partes tradicionais e comúns e 1 común.

En canto aos elementos significativos do patrimonio cultural e natural de Riotorto, o documento identifica e cataloga un total de 118 dos cales son de tipo arqueolóxico, 44 arquitectónicos e 68 etnográficos. De todos eles, cómpre subliñar que a gran maioría (concretamente 88) foron incorporados ao longo do proceso de elaboración do propio PBM, mentres que os 30 restantes xa estaban recollidos no Plan básico autonómico.

Cómpre lembrar que segundo a Lei do solo de Galicia os PBM son instrumentos de ordenación urbanística pensados para que concellos de menos de 5.000 habitantes e que non conten cun instrumento de planificación propio (37 en Galicia) poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Co fin de obter unha guía de orientación que axudara e motivara a estes municipios a dotarse do seu propio plan básico, a Xunta asumiu a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito municipios que xa teñen moi avanzada a tramitación dos seus respectivos documentos (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río, Trabada e Padrenda).

Deste primeiro grupo de entidades locais, oito xa recibiron a aprobación inicial da Consellería nos últimos seis meses: os concellos ourensáns de San Xoán de Río, Cartelle, Padrenda e Porqueira e os lucenses do Páramo, Triacastela, Trabada e Riotorto. A día de hoxe, polo tanto, só queda pendente de superar este trámite o PBM de Ribeira de Piquín, polo que o obxectivo da Xunta é que os nove municipios pioneiros en apostar por esta figura poidan telas aprobadas definitivamente a finais deste ano ou comezos de 2022.