Skip to main content
Viveiro

O PP di que a alcaldesa de Viveiro gardou un proxecto para o acceso á praia de Sacido

Por 13 Xuño, 2021Sin comentarios

O PP de Viveiro di que a alcaldesa “gardou durante case dous anos un proxecto de Costas para o acceso á praia de Sacido, que leva moitos meses pechado”.

“Que a praia de Sacido non ten acceso dende hai varios anos por causa da probada desidia do goberno municipal era algo máis que unha sospeita, pero agora xa non hai dúbida algunha porque a propia alcaldesa, María Loureiro, recoñeceu no pleno do pasado mércores que ten gardado un proxecto, redactado por Costas; é un proxecto que está feito dende hai máis de ano e medio”, así o sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que lembra que Sacido, “ademais de ser unha praia fermosa, ten ao seu carón un hotel de catro estrelas; o acceso pechado dá unha imaxe deplorable e priva do seu uso a veciños de Viveiro e aos visitantes”. No PP sospeitan que “Loureiro non ten o peso necesario para que o ministerio execute o proxecto, pero, en todo caso, esixen ao goberno local que faga as xestións necesarias para poñer o acceso a Sacido en condicións de ser utilizado”.

Entre as iniciativas que os populares levaron á máis recente sesión plenaria da corporación municipal figurou unha pregunta exposta por Rodríguez. Querían saber por que a reapertura do acceso á praia de Sacido non entrou non plan de mellora de accesos a areais galegos e se o goberno local ten algún proxecto e, de ser así, cando o pensa executar. A alcaldesa respondeu que o citado plan non ten nada que ver co problema que se dá en Sacido. Recoñeceu que existe un proxecto de Costas, orzamentado en 1.200.000 euros, para acometer a reparación do acceso, pero a alcaldesa non cre que esa sexa a solución; non aclarou por que, nin que pensa facer.

Rodríguez declarou que “unha vez máis queda patente a incapacidade de xestión do goberno encabezado por Loureiro. Como pode ter durante dous anos un proxecto gardado nun caixón e o problema sen resolver?; e o que é aínda máis grave, seguir sen saber como resolverá esta cuestión. É inaudito, é algo que seguramente debería estudarse nos manuais no apartado de como non se deben facer as cousas na Administración”.