Skip to main content
Viveiro

Viveiro continúa a realizar xestións con respecto ao peirao

Por 25 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro continúa a realizar xestións con respecto ao peirao, buscando a mellor opción para os veciños, así, Portos de Galicia ofrece a posibilidade de asinar un convenio temporal por un periodo de catro anos, cunha posible prórroga por outros catro anos.

Neste acordo establécese que o concello debe asumir, entre outras obrigas, a responsabilidade de mantemento e conservación das instalacións e entregando o muelle no mesmo estado no que se atopa agora.

Evidentemente, “o goberno local entende que esta zona ten que derivar no Concello, porén, o estado actual da área, bastante deplorable, implicaría que a súa cesión debería realizarse tras o seu arranxo”, din dende o Concello.

Viveiro está realizando as tramitacións con Costas para levar a reversión do peirao a favor de Costas, propietaria desa zona, e realizar posteriormente unha “posible desafectación ao Concello para evitar, así, ter que asumir todos os gastos de arranxo previo e mantemento que pretende Portos de Galicia mediante a sinatura do convenio proposto”, informaron dende o goberno local.

Portos manifestou que non vai realizar ningún arranxo, porque se trata dun aparcamento gratuito e considera que as obras de arranxo previo e de mantemento corresponden ao concello. Polo tanto, o goberno local está tramitando con Costas a posible reversión do muelle de Viveiro, xa que se entende que non ten actividade portuaria e esta sería a única maneira de que este espazo se poida arranxar sen implicar un coste económico para o concello.

Hai quince días, representantes do goberno local desprazáronse a Santiago de Compostela para reunirse coa presidenta de Portos de Galicia e nesta reunión explicouselle á presidenta de Portos, a intención do goberno local, unha cuestión que xa se lle comentara con anterioridade.

O Concello de Viveiro entende que a boa vontade entre as administracións é fundamental e así se lle transmitiu á responsable de Portos. O goberno local subliña que considera a súa proposta como a mellor opción, recalcando o bo facer e consenso habituais nas súas accións. Polo tanto, na reunión explicáronse os trámites actuais do Concello con Costas.  

Esta é a razón pola que o Concello de Viveiro non ten asinado o convenio proposto por Portos de Galicia. Non se firmou nada porque aínda se están a realizar trámites con Costas. Doutra banda, segundo o asesoramento recibido polo Concello, aínda que a Presidenta de Portos afirme que a súa sinatura non inflúe, considérase que, dado o prazo de vixencia do convenio, podería dificultar a tramitación e por iso se está á espera, coas tramitacións pertinentes.

O goberno local entende que firmar agora o convenio proposto por Portos de Galicia pode ser máis perxudicial e supoñer unha incoherencia. Ademais, tendo en conta o estado no que se atopa e que neste momento Portos non ten intención de arranxalo, tampouco non dificulta nada.

Representantes de Portos comentaron ao goberno local a existencia de entes privados que querían xestionar ese espazo de forma privativa. Porén, o Concello de Viveiro entende que Portos non chegará a ese extremo, xa que sempre se mostrou colaborativo e dialogante co concello. A zona sempre foi gratuíta e enténdese que debe seguir sendo así.

Por parte do Concello de Viveiro continuarase a traballar como sempre con boa vontade. O goberno local está á disposición de Portos de Galicia, debendo facer constar que dende o cambio na súa presidencia as relacións son máis fluídas e eficaces, así como de calquera outro organismo que pida colaboración. Porén, o Concello de Viveiro recalca que é a súa obriga buscar e valorar cal é a mellor opción para os veciños e veciñas de Viveiro.