Skip to main content
Xove

Alumnos do Caselles Rollán de Xove gañaron un concurso de carteis sobre reciclaxe

Por 24 Xuño, 2021Sin comentarios

O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove fíxose co primeiro premio do concurso de carteis sobre reciclaxe enmarcado no programa educativo Recíclate con Sogama 2020-2021.

En concreto, o traballo gañador leva por título Ti tes a chave  do cambio. Recicla!, corresponde á categoría de terceiro ciclo de primaria e está dotado cunha achega de 1.000 euros para a adquisición de material didáctico e o desenvolvemento de accións educativas, así como un diploma de recoñecemento.

Co seu cartel, os escolares de 6º de primaria deste centro xovense pretendían transmitir que calquera cidadán pode contribuír a conservar e mellorar o medio ambiente se ten vontade para facelo. E esta é, ao seu xuízo, a chave que permite abrir o candado, que non é outro que as dificultades, a comodidade, os temores, … Consideran que, cun simple xesto como é separar os residuos por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes, estaremos a axudar a protexer a contorna e, por tanto, a nosa saúde. Urxen a propiciar o cambio antes de que sexa demasiado tarde.