Skip to main content
Axenda Caducada

Aberto o prazo para inscribirse no campo de traballo das Insuas de Rábade

Por 5 Xuño, 2021Agosto 6th, 2021Sin comentarios

Este ano volve convocarse o InsuaCAMP na Casa das Insuas de Rábade, que terá lugar do 4 ao 6 de agosto, o campo de traballo que, como todos os anos, centrarase no estudo dos quirópteros forestais e os odonatos.

O InsuaCAMP ofrece un espazo formativo a persoas interesadas en profundar en metodoloxías de estudo de diferentes grupos faunísticos e florísticos, nun dos máis extensos e mellor conservados bosques aluviales da península Ibérica: o que tapiza a conca alta do río Miño en Terra Cha, na Reserva da Biosfera Terras do Miño (Lugo). E especialmente nas insuas (illas) de Rábade, máis de 100 hectáreas de bosque e prados seminaturales nas que Morcegos de Galicia conta cunha extensa rede de caixas refuxio para morcegos.

Este ano 2021 insuaCAMP ofrece un formato “mini” especial de tres días, debido aos condicionantes derivados da pandemia. A fin de limitar ao máximo posible a convivencia en espazos pechados, a inscrición nesta edición do insuaCAMP non incluirá o aloxamento e as comidas, como viña sendo habitual. Os traballos de campo comezarán ás 10:30 e terminarán tras a mostraxe nocturna de morcegos. Tanto a comida como a cea realizaranse no campo e correrán a cargo dos participantes, aínda que axudaremos a xestionalo do modo máis cómodo e eficiente posible. Igualmente, cada participante farase cargo do seu aloxamento e almorzo, aínda que de novo facilitaremos posibilidades na contorna e encargarémonos de xestionar transporte, cando sexa necesario, para aqueles que non dispoñan de vehículo.

Roberto Hermida coordinará un equipo de Morcegos de Galicia que dirixirá o traballo con quirópteros, que incluirá mostraxes con redes de néboa e trampas arpa para captura de exemplares e procesamento en man e a revisión de caixas-refuxio, marcaxe individual con transponders e seguimento dos exemplares marcados.

Morcegos de Galicia conta cunha rede de máis de 100 caixas-refuxio instalada en 2008 nas insuas do río Miño, utilizada por seis especies de morcegos. E na contorna viven moitas máis que poderemos observar durante as mostraxes nocturnas.

A coordinación do traballo con odonatos correrá a cargo de Martiño Cabana, especialista neste grupo zoológico, e consistirá na realización de inventarios baseados na observación de exemplares adultos e a recollida de exuvias, identificación e elaboración dunha colección de referencia.

Organizaranse grupos de traballo rotativos, de modo que todos os participantes teñan ocasión de coñecer e practicar as diferentes metodoloxías.

InsuaCAMP ofrece 12 prazas para persoas interesadas en profundar no estudo destes grupos, compartir experiencias e coñecementos con outras persoas, nun ambiente distendido, cun forte ritmo de traballo, nun espazo natural privilexiado. Conta co financiamento da Deputación de Lugo, e ten un custo de inscrición de  25 euros.

O prazo para inscribirse termina o 1 de xullo.