Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Aprobadas as bases del programa Coñece a túa provincia

Por 20 Xuño, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno Local da Deputación aprobou as bases reguladoras do programa Coñece a túa provincia, dirixido a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia de Lugo, e que consiste en viaxes gratuítas en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da  xeografía lucense, seguindo diversas rutas.

“Esta é unha das medidas que lanzamos dende a Deputación no marco do Plan de Impulso da Economía da Provincia, e que está destinada a estimular o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible deste sector, da hostalería e do comercio local fronte ao impacto da pandemia”, lembrou a voceira socialista.

As bases recollen, entre outras cuestións, que a excursión concedida a cada entidade beneficiaria do programa Coñece a túa Provincia incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Ademais, con cada grupo participante irá en todo momento un guía acompañante. As visitas serán realizadas por profesionais que conten coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal encargado de atención ó público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

Este ano, entre setembro e novembro, a Deputación ofrecerá un máximo de 1.242 prazas e 37 itinerarios pola provincia de Lugo. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A orde de prelación da listaxe de entidades admitidas establecerase conforme á orde de presentación das solicitudes segundo o número de rexistro de entrada ata esgotar as prazas dispoñibles.

As excursións concedidas no marco da edición 2021 do programa Coñece a túa provincia terán lugar entre os meses de setembro e novembro, en días laborables (de luns a venres, agás festivos).  En todo caso, o Servizo de Turismo da Deputación de Lugo determinará os días concretos nos que finalmente se realizarán as excursións.

Equipos de protección e uniformes

Así mesmo, aprobouse licitar un contrato para o subministro de Equipos de Protección individual (EPIs), roupa de traballo e uniformes para o cadro de persoal da Deputación de Lugo por un importe de 284.000€. Trátase dun contrato por un ano, prorrogable por outro máis.

Prazas ciclos grao superior de Audiovisuais

Na Xunta de Goberno aprobáronse as prazas a ofertar, o calendario e os requisitos para a matrícula do curso 2021-2022 dos dous ciclos de grao superior do centro de formación do servizo de audiovisuais da Deputación de Lugo. Son 20 prazas para o ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos e outras 20 prazas para o ciclo de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos.

O prazo de preinscripción comezará o vindeiro mércores, 23 de xuño, e rematará o 2 de xullo. A publicación da lista de admitidos provisionais sairá o 6 de xullo e haberá un par de días para presentar reclamacións.

A listaxe definitiva publicarase o 13 de xullo e ó día seguinte -14 de xullo- comezará o prazo de matrícula ordinaria.

Os requisitos para poder acceder estes ciclos son ter o título de Bacharelato en calquera modalidade; un título de Técnico Especialista ou Superior; ter superado o curso de Orientación universitaria; dispoñer dunha titulación universitaria; ter superada a proba de acceso a ciclos formativos de grao superior; ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Terase en conta, para o acceso a estas prazas que se trate da primeira matrícula no ciclo para o que se solicita praza, a maior nota no expediente académico e tamén o sexo menos representado no ciclo formativo solicitado na matrícula do curso anterior no que se demande praza.