Skip to main content
Comarca LUGOXADeportes LUGOXA

O Ancares Cycling Maraton percorrerá a montaña lucense

Por 19 Xuño, 2021Sin comentarios

O vindeiro 8 de agosto celebrarase o gran fondo Ancares Cycling Marathon, chamado a converterse nunha referencia do ciclismo de alta montaña en Galiza.

Miguel Induráin e Carlos Sastre arrouparán a estrea desta proba, promovida pola área de Deportes coa colaboración do Club Ciclista Cidade de Lugo e que sae adiante tras a suspensión obrigada pola pandemia no 2020. A participación dos campións do Tour de Francia dará lustre a un evento que impulsará os Ancares como destino de referencia para afeccionados e afeccionadas ao ciclismo durante todo o ano.

Unha etapa raíña nos Ancares: 126 quilómetros 

A proba, con saída en Pedrafita e chegada no Cebreiro, pasará tamén polos concellos de As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. Os participantes completarán un total  de 126 quilómetros cun desnivel acumulado de 3.500 metros. A maior dureza da proba concéntrase nos 90 quilómetros finais do trazado cos portos de Alto de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e o propio Cebreiro, como os puntos máis elevados. Ademais deste recorrido completo, ofrécese a posibilidade de realizar un medio fondo, de 100 quilómetros, cun trazado alternativo nos puntos de maior desnivel.

O ex-ciclista Ezequiel Mosquera, que organiza a proba, comparou o percorrido cunha etapa raíña dunha volta polos quilómetros e desnivel acumulado e sinalou a idoneidade dos Ancares para o ciclismo que, dixo, “quere montaña, boas estradas e pouco tráfico, os Ancares reúne todas esas condicións”, concluíu.

Os formularios de inscrición están dispoñibles na web da proba https://www.ancarescyclingmarathon.com. O prazo para anotarse estará aberto ata a semana antes do evento. A organización adaptará o desenvolvemento da proba á normativa sanitaria vixente do momento e ofrecerá aos participantes a posibilidade de realizar un test de antíxenos.