Skip to main content

O DOG publicou a resolución que permite consultar os beneficiarios destes pagos e os importes concedidos polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural.

Un total de 3.977 gandeiros e agricultores galegos recibiron da Xunta case 15 millóns de euros correspondentes ás axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da campaña de 2020 da Política Agrícola Común (PAC). En concreto, polas achegas de agroambiente e clima repartíronse 12,9 millóns e polas de agricultura ecolóxica algo máis de dous millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, que permite consultar estes beneficiarios, así como o importe das axudas concedidas.

Nunha orde publicada en febreiro do ano pasado, a Consellería regulou a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, no marco da PAC. Cómpre sinalar que estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Cabe recordar que as axudas da PAC son de gran interese para o sector primario, xa que contribúen a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana. Deste xeito, perseguen compensar aos agricultores e gandeiros pola súa prestación de servizos esenciais, co obxectivo de que poidan competir con outros países ao tempo que atenden ás esixencias específicas dos consumidores e consumidoras europeos.

Por último, cómpre lembrar que todos os que queiran consultar os beneficiarios das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da PAC 2020, así como os importes concedidos, poden descargar a aplicación móbil Sga@pp e revisar as resolucións completas das solicitudes indicadas.