Skip to main content
Antas de Ulla

Antas de Ulla aproba unha ordenanza para a conservación dos camiños públicos

Por 24 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Antas de Ulla aprobou no pleno ordinario unha ordenanza a proposta da Alcaldía para velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir como consecuencia das operacións de saca de madeira, comprendéndose dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta da madeira como as posteriores. 

Así pois, deféndese coma prioritario o interese en protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para isto é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado. 

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza: as talas puntuais de exemplares de árbores illadas, as podas e refaldes en plantacións forestais, o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos, os traballos de desbroce e limpeza de predios e as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico, a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie.

Como proceder

O madeireiro terá que presentar de xeito obrigatorio, con 10 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da súa execución, un escrito de comunicación previa, conforme a un modelo que facilita o Concello, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións sectoriais que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios para cortar montes ou terreos forestais. Poderase facer unha comunicación previa para varios montes e/ou parcelas cando os traballos vaian a realizarse simultaneamente.

Obrigas dos madeireiros

Presentar nas oficinas municipais o escrito de comunicación previa.

Sinalizar os viais situados nas zonas de extracción e depósito da madeira, conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

Limpar, retirar ou eliminar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que os espazos públicos municipais queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. Esta obriga deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

Limpar as superficies de montes e terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio.

Repoñer ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.

Responder dos danos e desperfectos ocasionados nos lugares da tala, viais de acceso, instalacións e demais infraestruturas municipais, como consecuencia da realización das actividades de saca de madeira.

Constituír a garantía que corresponda a prol do Concello de Antas de Ulla. A garantía vai depender do número de toneladas recollidas, que irán dos 100 euros (20 toneladas) aos 2.500 euros (1.000 toneladas). O madeireiro deberá depositar a garantía na Tesourería Municipal con carácter previo á presentación da comunicación previa. O madeireiro poderá depositar tamén unha garantía anual nos primeiros 20 días hábiles do ano por importe de 3.000 euros que responderá das distintas cortas a realizar no termo municipal.

Incumprimentos e sancións

En caso de cumprimento, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais. De incumprir, o Concello acordará a realización dos traballos que sexan necesarios, a costa do obrigado, sobre o importe da garantía depositada. Cando as cantidades depositadas en concepto de garantía resulten insuficientes para sufragar os traballos mencionados no parágrafo anterior, recadarase a diferenza en concepto de ingreso de dereito público.

As infraccións serán sancionadas con multas que van desde os 300 aos 3.000 euros.

A proposta foi aprobada cos votos a favor do equipo de Goberno (PP) a abstención de AVA e o voto en contra do PSOE.