Skip to main content
A Fonsagrada

O PP da Fonsagrada reitera a necesidade de solo industrial no municipio

Por 12 Xuño, 2021Sin comentarios

Dende o PP sinalan que o municipio da Fonsagrada precisa solo industrial. “Cando, despois de anos e anos de espera, parecía que había posibilidades reais de que, por fin, saíra adiante a creación do parque empresarial, aparecen noticias preocupantes, pola relación que nalgúns ámbitos se establece entre a urbanización dos accesos e o Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade” relataron. Así pois, o portavoz municipal do PP, José Luís Regueiro, expuxo ao portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, a preocupación do seu grupo polo futuro do polígono industrial.

Regueiro lembra que o PP “sempre expresou o seu firme desexo de que A Fonsagrada teña o solo industrial que precisa”. Sinala que “a creación do parque empresarial xa vai con retraso, o que prexudica ao interese xeral e especialmente a aqueles empresarios que están a espera de conseguir o solo necesario para levantar as súas instalacións”. O polígono industrial proxectado aparece recollido no PXOM.

Regueiro explicou ao grupo provincial do PP que A Fonsagrada non pode seguir esperando a creación de solo industrial. Por iso, quere que o grupo provincial popular se interese na Deputación por coñecer que está a facer o goberno presidido polo socialista José Tomé para, na parte que lle corresponde, avanzar na execución deste proxecto. Tamén para que os responsables provinciais digan se coñecen os problemas aos que aluden ás informacións de prensa, en relación co Camiño Primitivo, e que pensan facer ao respecto. Regueiro lembra que “o de A Fonsagrada é un dos polígonos que impulsaba a agora desaparecida sociedade provincial Suplusa. O parque empresarial foi un dos argumentos electorais do PSOE nas pasadas eleccións”.

Regueiro sinala: “Espero que o alcalde de A Fonsagrada, pola súa parte, fale co goberno provincial e consiga un compromiso firme do presidente, José Tomé, para solucionar o problema, se é que o hai, porque o municipio precisa solo industrial sen máis demora”.