Skip to main content
A Fonsagrada

46.300 euros para crear dúas vivendas nunha parroquia da Fonsagrada

Por 20 Xuño, 2021Sin comentarios

A Fonsagrada recibirá case 46.300 euros para crear dúas vivendas na antiga unitaria da Pobra de Burón. Tal e como recolle o proxecto do Concello, proponse reformar o primeiro andar para habilitar os domicilios nesa planta. 

O obxectivo é facilitar que os concellos que teñen demanda de vivenda de promoción pública poidan crear un parque residencial para ofrecelo en réxime de arrendamento. 

Características do programa 

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal en réxime de alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes que teñan veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos tantos como vivendas se pretende rehabilitar). 

Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 veces o Iprem) durante un prazo non inferior a 20 anos.

A axuda ascende ao 90 por cento do custe da actuación, cun límite de 40.000 euros por vivenda, que se pode incrementar ata os 48.000 euros se están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.