Skip to main content
Guntín

O PSOE de Guntín denuncia varias intervencións do Concello

Por 26 Xuño, 2021Sin comentarios

O Voceiro Socialista de Guntín, José Antonio López Varela denunciou no día de onte, trala celebración da sesión plenaria, que o Concello do PP que preside María José Gómez, “conta máis de 33 reparos de intervención, que ascenden a un montante económico de máis de 93.000 euros”. Nestas facturas, a intervención critica que non existen nin o contrato, nin tampouco a tramitación do expediente de contratación sobre este gasto no Concello, tal e como marca a propia lexislación.

López Varela sinala que concretamente, a Intervención do Concello, emitiu tres informes nos que informa destas irregularidades. “O primeiro informe con data 29-3-2021 asinado pola interventora, informa de 3 reparos concretos relacionados co pago do servicio de axuda a domicilio que ascenden a un montante total de máis de 37.000 euros. Ademais neste informe alude ao reparo total das facturas do ano 2020, por un importe de 25.334 euros”.

Nun segundo informe explicase que “o Concello de Guntín pagou máis de 41.000 euros, relacionados co alumeado municipal, axuda a domicilio e a limpeza, sumando un total de 19 reparos, sen contrato e sen tramitación, tal e como sinala o propio informe fiscalizador asinado pola interventora o 30-4-2021”. Por último, no terceiro informe da Intervención advírtese “do pago de máis de 15.600 euros, que conta con 11 reparos de pagos realizados para o asesoramento urbanístico e o mantemento do campo do fútbol”.

O Voceiro Socialista remarca que esta non é a primeira vez que o Goberno do PP de Guntín ten que facer fronte a esta irregularidades contables, “no pasado pleno do mes de marzo denunciamos outros dous reparos de intervención, de dúas facturas que ascendían a un total de 11.350 euros. E agora vólvemos a comprobar que o Goberno non fixo os deberes, esta moi ocupado cos columpios pero moi pouco dos problemas reais que ten o Concello, sobre todo no tocante a economía municipal”.

López Varela dixo que “un Concello ten que estar gobernando con transparencia e con dedicación, pero sobre todo cumprindo as normas que marca a propia lexislación e dando exemplo á veciñanza. Pero como acabamos de comprobar a alcaldesa ten moito traballo por diante para poñer ao día as contas municipais con tódalas garantías, esperemos que o faga”, insistiu.

Por último lembrou que no pleno do mes de marzo do 2020 demandou ao Concello que promovera axudas á hostaleira e os gandeiros, por mor da pandemia da covid, unha proposta que se aprobou no pleno de orzamentos.