Skip to main content
Lugo

Obradoiro científico na praza Maior de Lugo

Por 15 Xuño, 2021Sin comentarios

As investigadoras da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC que lideran a iniciativa Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras, un proxecto aberto á colaboración cidadá na plataforma de crowdfunding www.precipita.es, da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), organizan este venres 18 dous obradoiros científicos e artísticos dirixidos ao público máis novo na praza Maior de Lugo.

Os obradoiros desenvolveranse en quenda de tarde. A primeira sesión, que se prolongará durante unha hora, comezará ás 17.00 horas e a segunda, ás 19.00 horas. Cada quenda admite un máximo de 12 participantes con idades comprendidas entre 5 e 10 anos.

O prazo de inscrición nestas actividades de divulgación científica permanece aberto ata o mediodía do xoves 17 de xuño. As persoas interesadas en tomar parte nestes obradoiros pode formalizar a matrícula a través do enderezo electrónico pezcebralugovet@gmail.com.

As persoas solicitantes deberán indicar o nome e a idade dos participantes, así como a quenda do obradoiro elixida e un número de teléfono de contacto. Tamén é posible formalizar a inscrición a través do número de teléfono 982 822 427, en quenda de 9.00 a 17.00 horas.

Os obradoiros programados permitirán aos rapaces participantes aprender ciencia a través do peixe cebra, un organismo que se está a usar cada día máis en investigación biomédica. Daquela, no marco desta actividade de divulgación científica na que, entre outros, participarán as profesoras Laura Sánchez Piñón e Maribel Quiroga Berdeal, os investigadores sacarán as cebriñas do acuario á rúa co obxecto de que os nenos coñezan mellor as utilidades deste peixe para investigar as enfermidades. Os obradoiros tamén servirán para coñecer outra información sobre os peixe cebra referida a coidados, características, proceso de reprodución… Ademais, os nenos e nenas tamén poderán ver a través dunha lupa microscópica os tecidos dos peixe cebra, os órganos e o seu rápido desenvolvemento embrionario.