Skip to main content
Lugo

O PP quere dar un novo uso á antiga sede de Suplusa

Por 15 Xuño, 2021Sin comentarios

Como recordo da desaparecida sociedade provincial Suplusa queda o edificio que lle serviu de sede, no número 11 de San Marcos, na capital lucense. É un inmoble restaurado, adquirido no 2008 pola Deputación, que mantén na súa fachada o letreiro que aínda o identifica como sede da citada sociedade. O grupo provincial do PP quere saber como se atopa por dentro o inmoble, agora sen uso, polo menos en aparencia. Para elo solicitou ao goberno provincial poder acceder a este edificio, segundo explica o portavoz popular, Javier Castiñeira.

O portavoz do PP sinala: “Entre outros bens, a Deputación de Lugo acaba de herdar un edificio no número 11 de San Marcos, na capital lucense, con catro plantas e case que 850 metros cadrados construídos, que servía como sede de Suplusa recentemente extinguida. Trátase dun edificio de gran valor e moi ben restaurado, que actualmente está sen uso. Por elo, o grupo provincial do PP acaba de solicitar autorización para poder visitalo e poder valorar un novo destino para el, debido a súa excelente ubicación fronte ao pazo de San Marcos”.

Castiñeira di: “esperemos que, desta volta, si nos concedan o solicitado e non pase como co permiso que pedimos para acceder as instalacións do antigo taller de Manuel Mallo, en Begonte: denegáronnos o acceso por descoñecer, segundo dixeron, o seu estado e coa vaga desculpa de velar pola nosa seguridade”.

O portavoz popular explica: “En concreto, este edificio de San Marcos 11 foi adquirido  no ano 2008, por valor de 1,5 millóns de euros, coa idea de albergar un centro de promoción industrial da Deputación, con información urbanística sobre a oferta de solo industrial, que, naquel momento, estaba sendo promovido pola Deputación, algo que a día de hoxe non se está a facer. Durante este tempo cumpriu á perfección a súa faceta mentres pertenceu a Suplusa”.

Os populares sinalan que agora que o goberno provincial cambiou de estratexia, “rexeitou no seu día crear o plan industrial no rural que solicitaba o grupo popular e que fronte a solicitude do PP renuncia a crear novos parques, como en Riotorto e noutros máis de 30 concellos que tiñan acordos con Suplusa, queren que este edificio siga sendo unha referencia”.

Castiñeira manifesta: “Non entendemos a estratexia do PSOE e BNG de rexeitar a promoción de solo industrial e deixar esa responsabilidade á Xunta, como dixeron; nós cremos que todas as administracións deben participar e máis no caso da Deputación de Lugo que, neste terreo, foi unha referencia no seu día, como referencia é tamén este edificio que está sen uso; esperemos que en pouco tempo teña unha utilidade tan digna como aquela para o que foi concibido”.