Skip to main content
Lugo

A Deputación achega 370.500 euros para potenciar o Campus de Lugo

Por 15 Xuño, 2021Xuño 16th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 370.500 euros á USC para seguir apoiando e potenciando o Campus de Lugo. A universidade achegará pola súa banda 50.000 € para acadar en total os 420.500€ que suma o convenio, que servirá para desenvolver proxectos de mellora da calidade docente, de innovación e de desenvolvemento do rural, e para a mellora das infraestruturas universitarias.

O Presidente destacou a importancia do convenio asinado hoxe coa USC, tanto pola cantidade económica que achega a institución provincial -370.500€-, como “polo que representa en canto a apoio decidido e continuado da Deputación á actividade do Campus de Lugo e, polo tanto, de apoio á educación pública de calidade”.

A través do convenio, a Deputación aporta “unha contía económica que dá soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo, para que sexa a propia universidade a que decida cómo utilizar eses fondos e para qué”, explicou o Presidente, quen lembrou que este acordo “súmase a outras moitas colaboracións desta institución coa Universidade de Santiago con iniciativas e proxectos, como por exemplo, o da Granxa Experimental de Leite, que puxemos en marcha a finais do ano pasado na finca provincial Gayoso Castro con moi bos resultados”.

En canto á aposta firme e decidida da Deputación de Lugo “por manter a colaboración coa Universidade de Santiago, o mandatario provincial incidiu en que a institución foi fundamental para a creación do Campus de Lugo, e dende entón fomos fortalecendo os lazos que nos unen cun apoio continuo no tempo”. 

O Presidente subliñou tamén que “promover un ensino superior público, de calidade e accesible a todos e todas, favorece o desenvolvemento e a xeración de riqueza e de emprego na nosa provincia. Así, a colaboración coa Universidade marcou un antes e un despois na evolución dos nosos sectores produtivos a través da investigación e da innovación. Ademais, a propia actividade do Campus é tamén un factor de dinamización para a economía local, sobre todo para o sector servizos”.

Defensa da Universidade pública

José Tomé afirmou que Galicia tense dotado nos últimos 40 anos dun sistema público de universidades “do que temos que sentirnos orgullosos, e que foi capaz de evolucionar, de adaptarse para ofrecer sempre excelencia docente e investigación de primeira liña, e de multiplicar, en forma de desenvolvemento e progreso, cada un dos euros que recibe dos orzamentos públicos”.

“As nosas universidades xa son competitivas. O que precisan é u financiamento axeitado, que se dea divulgación ós seus traballos e mesmo que se fomente nos sectores produtivos a cultura de achegarse á Universidade para desenvolver proxectos concretos”, afirmou o Presidente, engadindo que “vivimos nunha economía de libre mercado, pero hai realidades que non melloran cando as sometemos ó criterio único do beneficio económico. Pasa coa atención ás persoas maiores e, tamén, no ámbito da educación superior”, recalcou o Presidente.

José Tomé asegurou que o labor do Campus lucense en canto á aplicación práctica da investigación ou a transferencia de coñecemento á sociedade “é o mellor estímulo para repetir, curso tras curso, a colaboración económica da Deputación coa Universidade, como factor fundamental de desenvolvemento social e económico, e de sinal de identidade da nosa provincia”.