Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo anuncia a modificación dos aparcadoiros públicos soterrados

Por 16 Xuño, 2021Xuño 18th, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que a transformación dos estacionamentos públicos soterrados da cidade, o coñecido como 3×2, “dará comenzo de  forma inmediata e progresiva, empezando polo da Praza de Ferrol. O obxectivo é adaptar o tamaño dos estacionamentos aos estándares urbanísticos actuais que recolle o PXOM,  atendendo así a unha demanda social na que dende o executivo local levamos anos traballando”, asegurou. 

A rexedora deu conta de que a Xunta de Goberno autorizou hoxe a modificación do contrato da concesión administrativa pola que se rexe a explotación dos parkings soterrados sitos nas prazas de santo Domingo, Ferrol e da Constitución. 

“Con esta medida o que pretendemos é facer dúas prazas no espazo de tres, de maneira que mellore a accesibilidade aos estacionamento e, polo tanto, a comodidade das persoas usuarias. Será un gran paso, ademais, para facilitar as compras no casco histórico e na súa contorna e dinamizar o sector comercial e hostaleiro”, afirmou a alcaldesa. 

A rexedora lembrou que a adxudicación data do ano 1986. “É dicir, ten unha antigüidade superior ás dúas décadas nas que o parque móbil foi mudando e os vehículos utilitarios cambiando as súas dimensións o que confronta co modelo urbanístico da época e nos obriga a ponderar as condicións da concesión para adecualas á realidade actual”, sinalou. 

Nestes momentos, as prazas dos tres aparcadoiros ascenden a 690, 241 en Santo Domingo, 205 na Constitución e 244 na Praza de Ferrol e, coa reorganización, Interparking calcula que se perderán 171, un terzo das mesmas (61 en Santo Domingo, 42 na Constitución e 68 en Ferrol), o que conlevará unha diminución do seu valor patrimonial. 

Tendo en conta que esta transformación suporá, inicialmente, unha merma dos ingresos que percibe a adxudicataria, a Administración local optou por introducir no contrato unha serie de medidas encamiñadas a restablecer o equilibrio económico financeiro da concesión. 

Entre elas, figura un ano adicional na concesión que, deste xeito, rematará o 26 de maio de 2036 e a inclusión destes estacionamentos no circuíto informativo municipal SMART da cidade, aos efectos de integrar a información relativa aos mesmos na aplicación en software dos paneis correspondentes. 

“Esto permitiranos coñecer os datos da totalidade dos aparcadoiros municipais, así como do número de prazas libres e facilitará información sobre como chegar ata elas directamente, evitando o tráfico ocioso e diminuíndo os niveis de contaminación, en consonancia co noso modelo de mobilidade sostible”, sostivo Lara Méndez.