Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo denuncia que a igrexa da Nova siga sen rampla de acceso

Por 21 Xuño, 2021Sin comentarios

O PP de Lugo defende que a parroquia da Nova leva oito anos esperando por unha autorización para poñer unha rampla, no lateral da rúa San Pedro, que facilite o acceso a persoas con mobilidade reducida.

“Dous alcaldes e catro concelleiros de urbanismo e non deron unha solución a esta petición” lamentaron os populares. O viceportavoz popular, Antonio Ameijide, avanzou que volverá pedir explicacións “dos motivos polos que PSOE e BNG non conceden a licenza a este proxecto que conta coa aprobación previa de Patrimonio da Xunta e cun informe favorable do Gabinete municipal de accesibilidade do 30 de abril de 2015”.

“Dende a parroquia a última petición que presentaron foi un escrito dirixido á alcaldesa en outubro de 2020 sen que lles contestaran ata o momento” engadiron.

Os populares consideran que “é intolerable que o bigobierno teña sen resolver un expediente iniciado o 4 de novembro de 2013, sobre todo tendo en conta que os interesados pagaron xa todas as taxas correspondentes e fixeron cambios do proxecto inicial tal e como lles reclamaron, sen que se lles dea ningunha resposta”.

Ameijide recalcou que “no proxecto básico e de execución da rampla para acceder á igresia da Nova consta que todos os seus elementos son desmontables, incluso os banzos perimetrais de granito que irán dispostos sobre o pavimento e sen suxeición ao mesmo. Así mesmo especifícase que a anchura da rampla será de 1,25 metros”.