Skip to main content
Lugo

Comeza un curso sobre violencia de xénero no CEI Nodus

Por 21 Xuño, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, abriron hoxe un curso especializado en violencia de xénero, que se está celebrando esta semana no Centro de Emprendemento Municipal (CEI Nodus), no que participan 27 efectivos da Policía Local.  

Con esta formación, “os nosos efectivos policiais gañarán en recursos para unha mellor atención dun problema de tanto calado na nosa sociedade como é a violencia de xénero, porque non podemos obviar que no que vai de 2021 foron asasinadas unha vintena de mulleres en España, que o mes de maio e xuño foron especialmente negros e que son miles os casos que se atenden cada ano debido ás violencias que exercen contra as mulleres as súas parellas ou exparellas”.  

A rexedora lembrou que esta iniciativa é un paso máis para integrar a la Policía Local no VioGén, Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero, do Ministerio de Interior. “Sempre dixemos que avanzaríamos na nosa integración cando a Policía Local comezase a ter un  número de efectivos suficientes, e xa estamos nesa situación”, aclarou.  

Así mesmo, agradeceu a dispoñibilidade da Policía Local para incrementar a súa formación en  igualdade e violencias de xénero ao participar un total de 27 axentes. Entre os obxectivos  principais do curso destacan o de formar nos conceptos operativos sobre a violencia de xénero, facilitar ferramentas para a prevención e intervención coas vítimas, familiares e testemuñas, promover a capacitación e boas prácticas para aplicar estratexias idóneas en cada caso e  identificar e priorizar riscos de violencia de xénero a nivel local.  

“Cada hora en España preséntanse unha media de 15 denuncias por violencia de xénero, pero  son moitos máis os casos de vítimas non detectados que continúan sen saír á luz por diversas razóns, pero co transfondo en todas elas da complexidade que rodea a este delito”, explicou a  rexedora que fixo fincapé na importancia que ten para o Goberno local a formación das forzas e  corpos de seguridade.  

O curso será o 21, 22, 23 e 24 de xuño (as 3 primeiras xornadas presenciais e unha en liña) en  horario de 09:00 a 14:00 horas. Co fin de garantir a calidade, idoneidade e acreditación da  formación obtida, o curso será homologado de acordo co procedemento establecido pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).