Skip to main content
Lugo

A rúa Quiroga Ballesteros únese á rede peonil de Lugo

Por 22 Xuño, 2021Xuño 24th, 2021Sin comentarios

A rúa Quiroga Ballesteros uniuse á rede de rúas peonís de Lugo. A actuación realizada en Quiroga Ballesteros incluíu a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros e a instalación de novo mobiliario urbano.

Ademais, ampliouse a zona de execución, mellorando tamén a estética da parte baixa de Santo Domingo, no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro.

A rúa Quiroga Ballesteros únese aos 46.934 metros cadrados de rúas peonís da zona centro, contando as zonas peonís de dentro da muralla e o treito peonalizado da Ronda.

“Con esta actuación ampliamos o espazo peonil ata chegar a completar un total de 49.584 metros cadrados de espazo para a veciñanza”, explicou Rubén Arroxo. Os espazos peonís do centro continuarán a incrementarse nos vindeiros meses, coa incorporación dos 3.660 metros cadrados do treito da Mosqueira, que está en execución.

Desde a área de Cultura organizáronse unha serie de actividades para esta fin de semana, coincidindo coa apertura da nova praza peonil. Serán tres concertos de agrupacións locais de distintos estilos. Os concertos serán con cabida limitada e un espazo acotado, para garantir o cumprimento das recomendacións sanitarias vixentes no momento.

Os concertos comezaran o venres 25 ás 20.30 con Nebra, un grupo lucense xurdido no ano 2020 que fusiona aspectos vocais da música tradicional galega e do folk con sons propios do rock, metal e efectos de electrónica. As súas letras teñen unha temática centrada nas desigualdades sociais, no feminismo e nos problemas da saúde mental.

O sábado 26 ás 18.30 será o turno de Cine Mudo Animado, espectáculo de cine mudo de animación con música en directo da man do pianista Luís Monsalve, onde as familias poderán desfrutar dunha tarde de cine clásico para todos os públicos.

As actividades rematarán o domingo 27 ás 18.30 con Por Mi Swing, unha agrupación lucense especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50. Baixo a etiqueta swing engloban moitos estilos que levan asociados uns bailes sociais moi populares na primeira metade do século XX en case todo o mundo occidental como o Lindy Hop, Claqué, Balboa, Charleston, Collegiate Shag, etc. O repertorio deste grupo engloba grandes obras co swing máis clásico sen descartar novas tendencias como o Neoswing e o Electroswing.