Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo insta á Xunta a limpar a muralla

Por 23 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo insta á Xunta de Galicia a limpar a muralla e cumprir, así, coa súa obriga de mantemento deste Ben Mundial. Así o solicitaron dende o concello para que o executivo autonómico acometa a realización dos traballos ordinarios de conservación da muralla. 

Miguel Fernández lembrou que a Consellería de Cultura e Turismo ostenta as competencias de tutela e protección sobre o monumento bimilenario “que, nestes momentos, presenta un estado moi deficitario con relación ao seu aseo, especialmente no adarve, que se atopa cuberto de herba e dunha cantidade inxente de maleza”. 

Fernández deu conta de que “o desleixo é absoluto, como así o constatan as queixas de cidadáns que recibimos ao respecto, manifestando a preocupación polo extremo ao que se chegou en moitos dos cubos onde toda, ou a maior parte da superficie peonil, está cuberta de herba e sucidade, dificultando a mobilidade, o que resulta indigno para un Ben coma este”. 

“Dende a institución local pedímoslle, por tanto, que inicie canto antes, a retirada de toda esta vexetación da muralla, para evitar o seu deterioro contribuíndo, asemade, á mellora da súa imaxe que, estamos seguros, redundará igualmente na percepción do conxunto da cidade”, abondou Miguel Fernández ao tempo que afeou o deixamento da Xunta xusto nun momento tan importante coma este, “cando comezan a diminuír as restricións sanitarias e agardamos a chegada do turismo, tan necesario para a recuperación económica da cidade”. 

O responsable de Medio Ambiente apelou ao ente galego a asumir tamén o mantemento das zonas axardinadas sitas ao pé da construción romana.