Skip to main content
Lugo

Demandan á Xunta melloras no roteiro peonil dos Muíños

Por 29 Xuño, 2021Xullo 1st, 2021Sin comentarios

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, instou á Xunta de Galicia a intervir canto antes na parte do roteiro peonil de Os Muíños que é de titularidade autonómica, para mellorar a súa seguridade. “Un dos itinerarios rurais máis emblemáticos do municipio e que se atopa nun pésimo estado de conservación debido ao abandono que sofre”.

O edil sinalou que “só nesta primavera, o Concello de Lugo investiu 7.555 euros na colocación de 1.576 metros de malla antiesvarante nas pasarelas de madeira dos sendeiros que son competencia da Administración local, para evitar posibles escorregamentos e caídas derivadas da presenza de follas ou de humidade sobre a tarima. Traballos que se coordinaron cos labores de mantemento e limpeza habituais, programados durante todo o ano e co fin de ofrecer á cidadanía unha contorna atractiva pero tamén segura”.

Así, dende Medio Ambiente actuouse nas pontellas da ruta de Ombreiro ao completo; na ponte que hai antes de chegar á Estación Depuradora de Augas, no sendeiro do Río Miño; e tamén no roteiro de Os Muíños, ata chegar ao Muíño de Abelleira, “xa que o resto do tramo pertence á Xunta”, sinalou Fernández.

O tenente de alcaldesa indicou que é precisamente a partir deste punto do percorrido cando o traxecto se torna insalvable “debido ao desleixo que afecta a todo o camiño e que chega a comprometer a integridade das persoas usuarias”.

“Non en van – abondou Fenández – son numerosísimas as queixas que a veciñanza leva meses trasladando ás institucións para que se reverta a situación do enclave, reivindicacións ás que tamén dende o Concello de Lugo nos sumamos, non só pedindo que se repare, senón tamén en prol da recuperación deste espazo como patrimonio natural para poñelo a disposición, nunhas condicións axeitadas, tanto de lucenses como de visitantes”, reclamou Miguel Fernández.