Skip to main content
Lugo

Celebrado o II Congreso E para comer, Lugo no Camiño

Por 1 Xuño, 2021Sin comentarios

A alcaldesa, Lara Méndez, acompañada pola edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, participou na segunda edición do Congreso E para comer, Lugo no Camiño, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo.  

Un evento que a rexedora cualificou como “o escaparate excepcional da simbiose que existe entre o patrimonio material e inmaterial do municipio e que se reflicte nunha maridaxe perfecta entre a paisaxe, a cultura, a historia e a gastronomía, que fan de Lugo unha cidade viva e un destino auténtico, cheo de atractivos visuais e tamén sensoriais”.  

Lara Méndez destacou a importancia que o sector hostaleiro ten para Lugo, con case 1.400 negocios integrando o sector, que supoñen en torno ao 12% do PIB local e xeran o 19% do emprego e quixo enxalzar tamén a súa fortaleza para resistir e sobrepoñerse a esta etapa de pandemia.  

“Dende o minuto un o Concello quixo estar ao voso lado, dándovos apoio para que puidésedes retomar a actividade e manter os postos de traballo”, engadiu a alcaldesa, ao tempo que lembrou as iniciativas desenvolvidas como as axudas directas do Plan Reanima (5 millóns de euros) e de Recuperación Económica do Municipio (1 millón de euros), os distintos plans de formación (Lugo Seguro e Fórmate Lugo), a Plataforma Abrindo Lugo de compra anticipada, ou as campañas de dinamización dos barrios que se porán agora en marcha (1’7 millóns de euros). “Todas sufragadas con fondos estritamente municipais e que trataron de inxectar liquidez, de maneira inmediata, e de dotar de recursos ás empresas, na súa maioría pequenas e familiares, pero imprescindibles para a economía local”.  

Lara Méndez rematou as súas verbas cunha mensaxe de optimismo, agardando que “a desescalada e a chegada do verán, unidas ao voso xa afamado bo facer, contribúan, de maneira segura e responsable, á que a hostalaría de Lugo, a que toda a cidade, recupere pouco a pouco a boa saúde da que gozaba antes da pandemia”, concluíu.