Skip to main content
Lugo

As novas liñas de autobús entran hoxe en funcionamento

Por 1 Xuño, 2021Xuño 2nd, 2021Sin comentarios

O alcalde en Funcións, e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, lembrou que no día de hoxe, 1 de xuño, entrarán en funcionamento as novas liñas de transporte público e comezarán os traballos de peonalización da Mosqueira. Arroxo lembrou que “todas as persoas que queiran probar o novo transporte público poderá facelo de xeito gratuíto hoxe durante todo o día”

Entre as modificacións que se poñerán en marcha no día de hoxe, está a reordenación do tráfico no centro da cidade, que ademais de mellorar a fluidez da circulación, permitirá gañar máis dun cento de prazas de estacionamento. Rubén Arroxo explicou que “o cambio de tráfico e a entrada en funcionamento das novas liñas prodúcense o mesmo día para evitar conflictos nos percorridos do bus urbano, que xa foron deseñados pensando nunha mosqueira peonil”.

O novo proxecto de liñas de bus urbano está composto por seis grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade. No eixo Norte-Sur da cidade, que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos.

Os distintos barrios melloran as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta que hai actualmente a 30 minutos cando entren en funcionamento as novas liñas.

Coas novas liñas, o HULA gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo actual non teñen transporte directo. As novas liñas permitirán conectar de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro. “Contaremos con 6 liñas que partirán de distintas zonas da cidade e rematarán no HULA, permitindo que a maior parte da veciñanza teña transporte directo ao hospital”, segundo explicou Rubén Arroxo.

Nos polígonos do Ceao e das Gándaras mellorarase tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro, pasando moitas destas liñas pola Ronda da Muralla. Ao mesmo tempo, a zona rural manterá o servizo contando con catro liñas de transporte público.