Skip to main content
Lugo

Novas oportunidades a través do proxecto Tecer para integrar

Por 2 Xuño, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo promove a través do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) o proxecto Tecer para integrar, que pretende xenerar oportunidades para a integración laboral, social e cultural arredor da confección e da moda sostíbel.

O programa incluirá diferentes actividades orientadas á formación de novos artesáns e artesáns de forma que, ao remate do programas, as persoas participantes poderán adquirir a carta de artesán ou artesá, abrindo as portas para a creación de novos proxectos vitais e profesionais no eido da artesanía.  

O Centrad facilitará os materiais, ferramentas e utillaxe precisos para desenvolver as actividades e coordinará o programa formativo, no que participarán  recoñecidas artesás e artesáns do tecido e profesionais da moda sostíbel. 

Dende a Deputación explicouse que “a artesanía e os oficios vinculados ao tecido e a confección se poñen ao servizo dun proxecto de integración, que pretende xenerar saídas laborais pero tamén espazos de socialización e convivencia entre culturas. En Lugo contamos con artesáns e artesás moi recoñecidas no mundo da moda,  un potencial que queremos aproveitar desde unha perspectiva social”

FADAS Lugo encargarase de seleccionar as persoas participantes, ata un máximo de doce, atendendo á súa situación social.  Tamén realizará un traballo de seguimento e acompañamento para garantir o aproveitamento programa tanto a nivel de formación no oficio como de inclusión nos ámbitos educativos, sociais e culturais.

O presidente da entidade, Gerardo Castedo, incidiu en que “o programa é unha excelente oportunidade xa que ademais de formar as persoas participantes en aspectos relacionados coa costura, se completará con actividades transversais relacionadas con habilidades sociais, mellora da autoestima ou formación ligada ao autoemprego para as que contaremos co voluntariado, o maior capital que temos as organizacións sociais”.

Dúas fases de formación

O programa, que se poñerá en marcha en agosto no CEI Nodus, desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas, centrarase na formación de iniciación en técnicas de patronaxe e confección e ofrecerá unha panorámica sobre os diferentes tipos de artesanía vinculada á confección como a decoración, os complementos ou a estampación.

Na segunda fase,  en función dos resultados obtidos na anterior, abordarase a formación en técnicas de patronaxe e confección máis avanzadas e o deseño e confección dun conxunto de prendas e complementos coa colaboración de deseñadores e deseñadoras  representativos da moda sostible.

Ao longo das dúas fases, trataranse de forma transversal contidos relacionados coas  estratexias de promoción e comercialización dos produtos artesáns, especialmente no eido da moda e  dos complementos.