Skip to main content
Lugo

Continúa o proceso de activación da mesa da Industrialización de Lugo

Por 3 Xuño, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, trasladoulle á Vicerreitora da USC en Lugo, Montserrat Valcárcel, a importancia do proxecto que impulsa o Goberno local para atraer novos investimentos e empresas á cidade co fin de crear emprego, “nun proceso acorde co modelo de  cidade sostible no que estamos a traballar”.  

Unha das ferramentas que se está a activar é a mesa da Industrialización de Lugo, á que convidou a participar á Universidade de Santiago, “porque é especialmente importante poder contar co potencial que ofrece á institución universitaria a través da súa labor formativa, de investigación, de difusión do coñecemento e de impulso de novas empresas”.  

A esta mesa xa se sumaron os axentes e colectivos económicos da cidade e a Xunta a través da vicepresidencia e consellería de Economía, Emprego e Industria, e o obxectivo da alcaldesa é que se vaian incorporado tamén o tecido social e o resto das institucións.  

Na reunión, onde tamén estiveron presentes a concelleira de Desenvolvemento Local e  Emprego, Ana González Abelleira, e o edil de Xuventude, Mauricio Repetto, a rexedora lembrou que esta mesa para a Industrialización complementa a Estratexia Lugo Transforma, o fondo emprendedor municipal co que o Concello mobilizará 12 millóns de euros en cinco anos para atracción de empresas con alto impacto social e ambiental.  

“É o maior investimento que desenvolve Lugo na súa historia para a atracción de empresas nun momento tan urxente como o actual, no que debemos traballar na recuperación do municipio debido a crise que nos deixan as restricións sanitarias derivadas da pandemia, e que afectaron especialmente ao sector comercial e a hostalaría”.  

A mesa para a Diversificación Industrial ten entre os seus obxectivos impulsar o acordo entre axentes políticos, sociais e económicos, detectar os recursos e capacidades da cidade para  sentar as bases dunha futura industrialización e deseñar medidas para a atracción de empresas e talento a Lugo.  

Lugo Transforma, unha iniciativa pioneira  

A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, articulase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco.  

Deberán ser proxectos de alto valor engadido tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación, que se caractericen pola súa innovación e por apostar por modelos económicos sostibles e de economía verde, que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver Lugo.