Skip to main content
Lugo

O barrio de Montirón traslada as súas inquedanzas respecto ao bus urbano

Por 3 Xuño, 2021Xuño 4th, 2021Sin comentarios

Dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo manifestan a súa preocupación “xa que dende a Concellería de Mobilidade do Concello de Lugo non se tivo en conta a opinión dos veciños e veciñas dos diferentes barrios da cidade para o deseño das liñas de transporte urbano”.

Motivados por esta situación, dende a Federación Lucus Augusti da provincia de Lugo, están a levar a cabo diversas reunións cos veciños e veciñas de cada barrio, a fin de que trasladen as súas opinións e necesidades no que se refire á mobilidade por transporte público na cidade de Lugo.

Así pois, dende a Federación sinalouse que: “reunímonos con veciños e veciñas do barrio lucense de Montirón que, en compañía da Xunta Directiva e membros da Asociación Veciñal Praza das Illas, trasladáronnos as súas preocupacións nesta materia”.

Un dos puntos que destacaron os veciños e veciñas foi que “as persoas de idade avanzada ven claramente minguado o acceso ao servizo de transporte urbano dende as rúas adxacentes á Praza das Illas ata puntos tan destacados como o propio centro da cidade, a Praza de Abastos, o Centro Comercial As Termas, os centros de saúde e, fundamentalmente, o HULA”. Así pois, engaden que para ir ao HULA teñen a opción de ir dende a Ronda das Fontiñas, sen embargo, unicamente en horas de entrada de traballadores/as.

Ademais, tamén se sinalou o feito de que se gastara diñeiro público para pintar a parada da propia Praza das Illas e que, a continuación, deixara de estar operativa de forma definitiva.

A falta de operatividade foi tamén outro dos reclamos dos veciños e veciñas desta zona, “no que respecta ás paradas da Rolda da Muralla, onde a única que manteñen é a parada de Sindicatos, eliminando unha parada que tradicionalmente existira e obrigando a dar voltas innecesarias”.

Así mesmo, varios veciños lamentaron a supresión das paradas de Virxe da Esperanza e da propia Praza das Illas, trasladadas á rotonda de Rof Codina. Esta situación é especialmente denunciada por parte de persoas con dificultades para desprazarse, así como de idade avanzada, que residen na zona de Plateiros.

Doutra banda, os veciños e veciñas denunciaron tamén “o feito de que os horarios dos autobuses urbanos da mesma liña circulen en idéntico horario. Precisamente, a efectos de ofrecer maior dispoñibilidade aos usuarios, espérase que os horarios dunha mesma liña de autobús tenten ofrecer varias alternativas, non que circulen un inmediatamente a continuación do anterior”.

Finalmente, e de modo unánime, os veciños e veciñas da zona expresaron as súas queixas ante a ausencia de sinalización das paradas de autobús urbano e tamén a ausencia de marquesiñas. Por esta razón, dende a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo solicitan aos titulares da Concellería de Mobilidade do Concello que se reúnan cos veciños e veciñas dos diferentes barrios de Lugo, que escoiten as súas demandas e atendan ás súas necesidades.