Skip to main content
Lugo

Licitado o proxecto que completará a Rolda Leste de Lugo

Por 4 Xuño, 2021Sin comentarios

O contrato de actualización do proxecto para completar a Rolda Leste de Lugo licitouse no día de hoxe e destínanse 198.735 euros. Retómase esta actuación para poder completar o cinto de circunvalación previsto entre a N-VI e a N-640 no municipio da capital.

O contrato inclúe a realización dun estudo inicial das necesidades de actualización, tanto normativas como de trazado. Estímase un prazo de execución de 20 meses para as distintas fases, incluído o período de información pública, presentación de alegacións, informes preceptivos doutras administracións  e redacción final do proxecto construtivo.

O novo tramo terá unha lonxitude aproximada de 2,8 quilómetros, que discorrerán entre a estrada autonómica LU-530 -ata onde chega o treito xa executado- e a N-VI no entorno da conexión coa Avenida de Madrid. Estímase que terá unha intensidade media diaria de 16.097 vehículos ao día.

Así pois, considérase unha infraestrutura necesaria “que restará tráfico das rúas da cidade, mellorará a mobilidade en xeral e especialmente a accesibilidade ao hospital Lucus Augusti”. Actualmente, pódese realizar o percorrido dende a N-VI ata o centro hospitalario ben polo casco urbano ou ben pola autovía A-6, pero ambos esixen un desprazamento maior.

A Rolda Leste ten un treito en servizo de 2,41 quilómetros, entre a N-640 e a LU-530, que no 2017 rexistrou unha intensidade de tráfico de entre 6.000 e 8.400 vehículos ao día.

As empresas interesadas en optar á redacción do proxecto teñen de prazo ata o día 21 de xuño para presentar as súas ofertas. A programación prevé que, una vez adxudicado, o documento poida ser sometido a información pública nun período de sete meses.