Skip to main content
Lugo

O curso A infancia en contexto conta con 80 profesionais de educación

Por 6 Xuño, 2021Sin comentarios

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, participou na inauguración do curso A infancia en contexto. Educar para as transicións, organizado polo concello de Lugo e a facultade de Formación do Profesorado da USC, e que reunirá entre onte e hoxe, no salón de actos do CIFP Politécnico de Lugo e de xeito telemático, a máis de 80 profesionais da educación infantil de toda Galiza para afondar nas transicións nesta etapa educativa.

Felipe Rivas destacou a importancia da educación na etapa 0-3, e afirmou que “desde o Goberno de Lugo apoiamos estas xornadas nas que as persoas asistentes poderán coñecer e afondar nas metodoloxías educativas máis aplicadas a nivel europeo da man de profesionais do sector de todo o estado”.

As xornadas contarán durante toda a fin de semana coas intervencións de Teresa Godall, doutora en pedagoxía da Universidade de Barcelona, Felicidad Caballero, directora da escola infantil de Caeiro, Cristina Llinares, mestra na escola infantil de Vigo-Valadares, Pablo Franco, psicopedagogo e profesor na facultade de Ciencias da Educación da USC, Teresa Vidal, mestra do equipo de atención educativa das escolas A Galiña Azul, Lucía Nóvoa, responsábel da Casa Niño Lodoselo-Sarreaus e Enriqueta Pérez Mora, educadora infantil.