Skip to main content
Lugo

Comezaron esta fin de semana as Rutas Connexio

Por 6 Xuño, 2021Sin comentarios

Esta fin de semana deron comezo as Rutas Connexio, unha actividade gratuíta que terá lugar tódolos sábados, domingos e festivos nos meses de xuño, xullo e agosto, iniciativa incluída no programa Europe Direct da Comisión Europea organizada dende a área de  Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo en colaboración ca Diocese de Lugo e a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.  

O goberno de Lara Méndez a través de Premios Connexio, puxo en valor o rural e os núcleos de poboación que o integran, dándolle a Lugo unha maior dimensión e  proxección cara a Europa, aproveitando o transcurso do Camiño Primitivo polo municipio, considerada a primeira ruta de peregrinación xacobea, e moi atractiva para diferentes puntos do continente.  

Este verán coñeceremos o Camiño Primitivo a través de dúas rutas recorrendo os diferentes espazos e intervencións feitas polos artistas elixidos nesta primeira  convocatoria dos Premios Connexio. Por razóns de distancia, tempo e loxística, as  Rutas Connexio tiveron que dividirse en dous percorridos de medio día cada unha, con  dúas xornadas semanais.  

O inicio da I Ruta Connexio será en San Martiño de Poutomillos para descubrir o medio  natural que acolle o Camiño Primitivo, as súas xentes e as manifestacións artísticas, continuando por San Miguel de Bacurín e a intervención Cumio de Álvaro Negro,  seguidamente coñeceremos a obra de Juan López Ruído de Fondo en San Vicente do Burgo, e finalizaremos en San Xoan do Alto con 28,7 km de Estelle Jullian.  

A II Ruta terá o punto de partida na capela do Carme onde os asistentes poderán  admirar a obra de Carlos Rodríguez-Méndez quen sorprendeu co proxecto Do fillo, a respiración e finalizará con O fulgor na espesura de Jesús Otero en Santa María de Gondar.  

As rutas programadas terán en conta e respectarán as normas covid en vigor, especialmente no referente a aforos e número de persoas e uso obrigatorio de máscara durante toda a actividade e serán realizadas por guías pertencentes á Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia coa formación específica e habilitados polo CSHG en protocolos para a prevención da covid19 e minoración de riscos no desenvolvemento das visitas guiadas.