Skip to main content
Lugo

Avánzase no proxecto da nova rotonda de Alfonso X en Lugo

Por 8 Xuño, 2021Xuño 9th, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo puxo xa a disposición do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os terreos municipais sobre os que se erguerá a nova rotonda de Alfonso X. Unha infraestrutura demandada pola cidadanía lucense, que permitirá mellorar a situación do tráfico nunha das principais arterias de comunicación da capital. 

Posteriormente á firma das actas de cesión de terreos, levouse a cabo unha presentación do proxecto por parte dos técnicos de Mitma. A nova glorieta na estrada N-6 e a rúa Alfonso X substituirá á actual intersección en T, o que supón unha solución máis propia dado o carácter periubano da actual N-6.

Así pois, tamén explicaron que o orzamento da adxudicación ascende a medio millón de euros e, como características técnicas máis destacadas, informaron que a glorieta, para a que se adecuarán 2.929 m³ de chan, terá un diámetro de 50 metros e os carrís que a integran disporán dunha anchura de 4 m, mentres que a dos viais de acceso será de 3’5 m. Para acometer os traballos será preciso escavar, en total, 5.896 m3 de terra e empregaranse outros tantos de saburra artificial, alén de 469 de terra vexetal e 660 m³ de semente de pradeira. 

“O acordo – dixo Lara Méndez – obedece ao entendemento, en prol do interese xeral, de tres administracións distintas que camiñan da man, na mesma dirección, para acadar logros que revertan en beneficio de toda a cidadanía porque son precisamente obras como estas, pequenas pero moi importantes, coas que se acada a cohesión dos territorios e se lles posibilita o seu crecemento”. 

Durante a súa intervención, Lara Méndez sinalou a importancia de contar en Lugo con esta nova dotación, “que implicará un antes e un despois na mobilidade urbana xa que a rotonda, axudará a desconxestionar a circulación nunha zona de gran afluencia de vehículos na que conviven instalacións deportivas con outras educativas, mellorando a seguridade viaria”, referiu ao tempo que avanzou que a ubicación desta glorieta de conexión se manterá, segundo estaba previsto, na intersección entre Alfonso X e a Nacional V para facilitar a incorporación do tránsito que circule por esta vía cara Aceña de Olga. 

Méndez recordou a complexidade do proceso xa que, durante a tramitación do mesmo, foi necesario realizar varias correccións que dilataron a súa finalización.